A Xustiza avala o embargo feito polo Concello de Lugo á Xunta de Galicia polo impago da débeda do IGVS

O Xulgado do Contencioso négase a admitir a trámite un recurso da Xunta e imponlle o pago das costas xudiciais

Xoves, 26 de febreiro de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A prepotencia da Xunta levouna a interpor o recurso contencioso saltando o trámite previo de reclamación no Concello

O Alcalde, José López Orozco, e a Concelleira de Economía, Sonia Méndez, deron conta hoxe dunha sentenza xudicial que “supón un varapao á Xunta de Galicia na súa negativa reiterada a saldar a débeda tantas veces reclamada infructuosamente polo Concello de Lugo ó Instituto Galego de Vivenda e Solo que a Xunta non recoñecía referida ó IBI”, tal como explicou o Rexedor municipal.
 
“Gustaríame que a Xunta recapacite despois desta sentenza, porque non hai nada mellor que a coordenación entre administracións”, dixo o Alcalde e remarcou que o Concello “non é unha Administración inferior á Xunta de Galicia, xa está ben de que a Xunta considere ós concellos unha administración de segundo ou terceiro orde e de que nos queira impoñer determinadas resolucións”.
 
Pola súa parte, a Concelleira de Economía explicou que “acabamos de recibir unha sentenza do Xulgado do Contencioso que rexeitou admitir a trámite un recurso presentado pola Xunta contra un embargo ditado polo Concello de Lugo á un inmoble do IGVS pola débeda contraída por negarse a pagar o IBI, que teñen que pagar todos os contribuíntes”.
 
“O Xulgado nin sequera aceptou estudar a reclamación da Xunta contra o embargo, desbotou a admisión a trámite deste recurso porque a Xunta, nun acto de soberbia e desprezo por este Concello, plantexou o recurso contencioso sen ter feito previamente a obrigada reclamación económico-administrativa diante da Administración local, é dicir saltou un trámite porque se considera superior ás outras administracións e ós propios cidadáns e contribuíntes”, salientou Sonia Méndez.
 
A Concelleira de Economía considerou que “éste é un exemplo da prepotencia da Xunta, tantas veces denunciadas polo Concello de Lugo, que se reflicte nunha sentenza na que a Xustiza deixalle claro que non pode facer de menos á administración municipal e que ten que actuar seguindo os mesmos cauces que todos os cidadáns, os establecidos polo ordenamento xurídico”. 
 
A sentenza dí, textualmente que a Xunta “non está exonerada da reclamación administrativa prevista polo ordenamento xurídico” e que “non actúa investida de poder ante outras administracións, neste caso o Concello, senón como suxeito pasivo e contribuínte”
 
Sonia Méndez tamén destacou que “esta prepotencia supón que ós contribuintes galegos teñan que pagar as costas que lle impón o Xulgado á Xunta” e lembrou que a débeda contraída co Concello de Lugo polo IGVS ascendía a 210.637 euros en concepto de Imposto de Bens Inmobles, principalmente, e ante a negativa da Xunta a pagar, o Concello procedeu ó embargo dun inmoble do IGVS situado na rúa do Miño, número 27”.
 
Méndez explicou tamén que “grazas a toda a presión exercida polo Concello, a débeda diminuiu considerablemente, foron pagando o que debían, neste momento teñen pendente de pago 9.000 euros e ata que salden a débeda o embargo mantense”.
 
“Esperamos que esta decisión da Xustiza lle dea un baño de humildade a Xunta de Galicia, que tomen nota e que aprenda que ten que facer os mesmos trámites que calquera cidadán e pagar as débedas como todos os contribuíntes”, manifestou a Concelleira de Economía.