Volta e Dálle Teatro representará en Lugo o espectáculo MENCIÑEIROS, baseado na obra de Cunqueiro

Xoves, 19 de abril de 2012
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Escola de menciñeiros, de Álvaro Cunqueiro é a obra que serve de base para a adaptación do espectáculo teatral que o vindeiro venres 20 de abril ás 20:30h será representado no Auditorio Municipal Gustavo Freire pola compañía Volta e Dálle.

Despois da representación de Lugo, o espectáculo seguirá a súa xira por Cee, Ribadeo e Betanzos.

Menciñeiros é unha peza dirixida por Lucho Penabade e Comba Campoy e protagonizada por Pepe Penabade e Mini e Mero, que ademais se ocupan de poñer a música en directo.

Do mesmo xeito que o fabulador mindoniense quixo plasmar no papel as historias daqueles menciñeiros das Terras de Miranda, agora Volta e Dálle levas ás táboas co dobre obxectivo de preservar a cultura e os saberes dos curandeiros e divulgar a obra dun dos autores máis salientables das nosas letras.

O ELENCO

Pepe Penabade (Cabanas, O Vicedo) actor protagonista, foi un dos fundadores (en 1987) da compañía Os Quinquilláns, da que formou parte até 1999 e, un ano despois, deu en fundar Volta e Dálle, compañía que dirixe na actualidade, e na que participa como actor, e escenógrafo. Na súa nómina figuran espectáculos coma Furga Garabela!, Rodesindo da Barrosa, Salitre, Jalisia Mi Madriña!ou Pan, catro propostas arredor da malla, entre outros. Aínda que tamén o cinema e a televisión contaron co seu traballo en títulos coma: A Mariñeira, Pepe O inglés, Padre Casares ou Matalobos .

Mini, Xosé Luís Rivas e Baldomero Iglesias, Mero. Ademais de músicos introdúcense agora de cheo na interpretación de ‘Silva da Posta’, e ‘Xil da Ribeira’ logo dunha primeira experiencia interpretativa en Pan, catro propostas arredor da malla.(Último espectáculo de Voltaedalle) No eido musical foron fundadores (en 1972) de Fuxan os Ventos e en 1984 fundaron A Quenlla, grupo no que permanecen activos ata o momento. Dende 1974 realizan traballos de recollida de folclore por todo o País que lles leva a posuír un denso arquivo sobre o mesmo

 

Multimedia

Noticias relacionadas