Uns 20 científicos europeos visitan a Casa Consitorial, coincindo coa Asamblea Xeral de EUFAR2, que se celebra por primeira vez en Lugo, coordinada por INTA

Lara Méndez, acompañada por Miguel Fernández, foi a encargada de recibir a comitiva no Salón de Plenos

Luns, 22 de xaneiro de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Uns 20 científicos europeos visitan a Casa Consitorial, coincindo coa Asamblea Xeral de EUFAR2, que se celebra por primeira vez en Lugo, coordinada por INTA

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, acompañada do Voceiro Municipal, Miguel Fernández, recibiu este luns, no Salón de Plenos, a uns 20 científicos e tecnólogos de distintos países europeos que participan esta semana na Segunda Asamblea Xeral de EUFAR2, coordinados polo instituto nacional de técnica aeroespacial (INTA), que por primeira vez se celebra en Lugo.

Na recepción, a rexedora deulles a benvida a Lugo e convidounos a descubrir os máis de 2.000 anos de historia dunha cidade acolledora que sempre ten as súas portas abertas. Así mesmo, tamén felicitou a INTA por conseguir que esta xuntanza, capaz de texer alianzas eficaces para o futuro do sector da industria aeronáutica, nicho de emprego no municipio e na provincia, se celebre en Lugo. 

EUFAR2 reúne a 24 institucións e compañías europeas de primeira liña involucradas na investigación do medio ambiente, tanto atmosférico como terrestre e marino, caracterizadas todas elas pola utilización de aeronaves e sensores que operan dende as mesmas.

O obxectivo prioritario de EUFAR é pór a punto e coordinar unha rede europea que permita intercambio de coñecemento ou potenciar investigación dende plataformas aéreas.

Esta semana tamén se celebra a 2ª reunión do Comité Executivo e Asamblea Xeral da Asociación AISBL EUFAR.

A celebración destes eventos en Lugo inscríbense nas accións de promoción e fomento das infraestruturas aeroespaciales que INTA está poñendo a punto na provincia luguesa, no Aeródromo de Rozas. En decembro de 2017 foron seleccionados para financiar con fondos FEDER unha gran aeronave de investigación e experimentación: FENYX, que terá a súa base de operacións no centro lugués.

Tras a visita á Casa Consitorial a comitiva visitou o casco histórico. Nos vindeiros días coñecerán o Centro de Interpretación da Muralla, a Domus do Mitreo e o Vello Cárcere, entre outros atractivos turísticos da cidade.