Unha exposición e un libro con imaxes, cartaces e programas do San Froilán dende 1877 rememora a orixe da festa

Martes, 04 de outubro de 2011
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Antón Bao destaca que o traballo de recompilación realizado este ano, obra de Teresa Pena e Fernando Arribas, “permite recuperar do esquecemento un material histórico moi valioso que doutro xeito podería perderse para sempre”

Cartaces, imaxes e fotografías históricas do San Froilán poden verse dende hoxe e ata o 4 de novembro na Sala de Exposicións do Centro Social Uxío Novoneyra. A mostra, inaugurada hoxe polo tenente alcalde e responsable das áreas de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, o nacionalista Antón Bao, como preludio do arranque oficial das festas, permite facer un percorrido retrospectivo pola festa máis emblemática de Lugo e unha das de máis tradición de Galiza.

A mostra, baixo o título O San Froilán onte e hoxe: Cartaces, Programas e Imaxes, compleméntase coa publicación do libro titulado A publicidade das festas de San Froilán de Lugo: cartaces e programas 1877-2011, obra de Teresa Pena e Fernando Arribas, editado polo Concello e que foi tamén presentado no mesmo acto.

O núcleo central da exposición son 25 carteis seleccionados coa idea de seren representativos das distintas épocas e estéticas, e dunhas 75 fotografías antigas e modernas das festas do San Froilán. As fotografías proceden do fondo da Concellería de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua. Por outra banda, nuns expositores acristalados, figura unha colección duns trinta programas orixinais do San Froilán, tamén de diversas épocas. Noutros expositores exhíbense os libros publicados con motivo das festas do San Froilán nos últimos anos.

No acto de inauguración, celebrado esta tarde coa presenza de destacados persoeiros da cultura e a literatura da cidade, Antón Bao salientou que “o traballo de recompilación feito este ano permite recuperar do esquecemento un material histórico moi valioso que doutro xeito podería perderse para sempre”.

Do cartel de tipos de 1877 ao código QR do 2011

O tenente alcalde animou aos lugueses e foráneos que estes días veñen á festa a visitar a exposición e afirmou que “un repaso a estes cartaces do San Froilán é tamén un repaso á historia da festa e dos cambios sociais deste último século e medio, que se reflicten nos gustos dos deseños das distintas épocas, dende os cartaces iniciais de finais do século XIX, unicamente tipográficos e moi sinxelos, cunha función meramente informativa, aos programas artísticos dos anos 20 e 30, influenciados polo modernismo e o art decó, rematando nos actuais cartaces con modernos códigos QR que nos remiten a páxinas web específicas das festas de cada ano”.

O responsable nacionalista destacou que “este traballo retrospectivo refórzanos no carácter histórico das nosas festas, paralizadas só pola Guerra de Cuba e a Guerra Civil, e tamén no carácter popular, labrego e galego do San Froilán, que está desde que hai constancia á par doutras grandes citas festeiras como os San Fermíns ou o Pilar de Zaragoza”.

Participación de destacados escritores e debuxantes

A exposición inaugurada hoxe, e que poderá verse ata o día 4 de novembro na Sala de Exposicións do Uxío Novoneyra, fíxose con base no traballo de investigación de Teresa Pena e Fernando Arribas que deu lugar ao libro A publicidade das festas de San Froilán de Lugo: carteis e programas 1877-2011, que foi presentado tamén hoxe no mesmo acto de inauguración da exposición.

Este libro, que fai o número oito na colección O San Froilán dos devanceiros, editada polo Concello cada ano coincidindo coas festas, permite tamén facer un percorrido polos avances técnicos no mundo da impresión e reprodución dos distintos talleres e imprentas que houbo en Lugo. Os primeiros cartaces dos que hai constancia datan do último terzo do século XIX.

Pouco a pouco vanse incorporando paulatinamente ao cartel das festas gravados, debuxos e ilustracións nas que participan artistas do momento. Se algo caracteriza, por exemplo, os programas dos anos 50 é o grande número de colaboracións literarias que conteñen: Otero Pedrayo, Carballo Calero, Antonio Fraguas, Quintela Ferreiro, Dionisio Gamallo Fierros, Trapero Pardo, etc. Son tamén moitos os debuxantes, fotógrafos ou ilustradores que deixaron a súa pegada no San Froilán a través dos programas e cartaces, como Arcadio Romero Boelle, Ramón Lamela, Estrada, Fernando Castro Gil ou mesmo Isaac Díaz Pardo en 1977.

Multimedia

Noticias relacionadas