Un sábado (surrealista) no Museo Interactivo da Historia de Lugo

O director de cine José Luis Cuerda presenta, co seu editor Julián Lacalle, a súa primeira novela, “Tiempo después"

“El Chivi” porase serio para psicoanalizar ao pai do detective Víctor Ros, o escritor Jerónimo Tristante, empeñados ambos os dous en pescudar “por que se mata tanto”, antes de perpetrar, xa en solitario, as súas “Quince sombras”

Venres, 10 de abril de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Unha visita (surrealista de todo) ao Museo Interactivo da Historia de Lugo. É a suxestión do Festival da Retranca para ocuparmos a xeira de mañá, sábado 11 de abril, unha xornada na que Lugo será un non parar, cunha axenda chea de actividades tan interesantes coma heterodoxas.

Para irmos abrindo boca, o I Festival de Literatura e Arte con Retranca ofrece este día 11, ás 13 horas, no Museo Interactivo da Historia de Lugo, unha conversa entre o escritor e humorista Félix Caballero e mais o narrador de historias, Lois Pérez, sobre por que a retranca “Non é pataca minuta”. Cheguen ou non a unha conclusión axeitada, deseguido Lois Pérez promete disparar “Humor a queimarroupa” (14 horas, MIHL).

Namentres, tamén mañá ás 14 horas, o Mercado Municipal converterase nun escenario improvisado. Facer a compra en Lugo nunca volverá ser o mesmo tras ollar o espectáculo que prepararon, fresquiño de todo, as bailarinas de Meigas Tribal. As cinco rapazas do grupo ourensán tomarán este sábado a praza ao asalto para aprendernos, sen trampa nin cartón, o que pasa cando se perde o medo á improvisación.

Meigas Tribal terá unha segunda oportunidade de convencer aos lugueses da súa moita arte alá sobre as 22,30 horas, no Campo Castelo, con outro pase da súa “Danza con retranca”.

Xa polo serán, ás 20 horas, o director José Luis Cuerda, o pai dunha das pezas do cine español máis emblemáticas do humor do absurdo, “Amanece, que no es poco”, presentará no MIHL a súa primeira novela, “Tiempo después”, da man do seu editor Julián Lacalle. Disque se trata dun texto “baseado en (supostos) feitos reais”. Desenvólvese alá polo ano 9177, cando a Humanidade queda reducida a un só edificio e mais a súa contorna, mais o sol segue a saír tres ou catro veces por semana, logo aínda queda alguén que se aventura pola rúa...

O compositor irreverente por antonomasia, José Córdoba, “El Chivi”, ocupará a seguir o Interactivo da Historia (21 horas, día 11) para, xunto o pai literario do inspector Víctor Ros, tratar de pescudar por que Jerónimo Tristante “mata tanto” nas súas obras.

O sábado de retranca rematará con música. As sempre controvertidas letras de “El Chivi” atronarán o Campo Castelo das 23 horas en diante. Ademais de desvelar as súas “Quince sombras de Chivi”, o músico madrileño estreará unha melodía composta ex profeso para o Festival: “Con Retranca”, chámase.

A Carpa das Letras Retranqueiras, pola súa banda, manterá as portas abertas en xornada de mañá e tarde.  O servizo de buses ida e volta ao MIHL, pola contra, non funcionará durante a fin de semana.

Convidados sábado 11 de abril

Félix Caballero e Lois Pérez

Félix Caballero Wangüemert é natural de Logroño. Escritor, humorista gráfico e xornalista, fixo un máster de Investigación en Comunicación pola Universidade de Vigo, de aí a súa vinculación con Galicia. No 2012 sacou do prelo un libro sobre humorismo gráfico galego titulado “O humor en cadriños. Conversas con Siro, Xaquín Marín, Xosé Lois e Pepe Carreiro”. Ten tamén de seu dous libros de pensamento humorístico, “Pienso, luego embisto” e “Solo sé que no sé nadar”, e mais un estudo sobre o humor galego, “O humor galego alén da retranca”.

Lois Pérez disque é un “crooner rural”. Narrador oral e contador de historias, ocasionalmente actor, é natural de Lugo, e exerce coma mestre de Educación Primaria en Barrantes. Defínese como “un contador de historias con algo de escritor, un pouco de cantante e un chisco de músico inoperante, así como cun notable poder de sedución e certa memoria para os nomes”. Monologuista e retranqueiro, sempre conta cousas “sen menoscabo de perder os dentes”.

José Luis Cuerda e Julián Lacalle

José Luis Cuerda é director, guionista, produtor (por exemplo, das tres de Amenábar “Tesis”, “Abre los ojos” e ”Los otros”), e agora, escritor. Nado en Albacete, Cuerda comezou estudar Dereito pero deixouno e fíxose técnico de radio e televisión. Entrou na TVE no 1969 e, nos cinco anos que traballou aló, chegou a realizar más de 500 reportaxes e documentais para informativos. Foi tamén profesor de Belas Artes en Salamanca. Tras varias curtas, no1982 fai a súa primeira longametraxe, “Pares e nones”, que axiña o sitúa no que se chama daquela “a comedia madrileña”, con Fernando Colomo coma máximo expoñente. “El bosque animado”, no 1987, é a primeira das fitas que o mergullan noutra categoría, o humor surrealista. “Amanece, que no es poco” (1988) confirma esa tendencia de Cuerda, catapultándoo á fama e convertendo ese filme en toda unha lenda. Algunha das súas películas posteriores son “Así en el cielo como en la tierra” (1995), “A lingua das bolboretas” (1999, baseada nun conto de Manuel Rivas), “Los girasoles ciegos” (2008), e unha vez máis, a partir dunha novela de Rivas, “Todo é silencio” (2012).

“Tiempo después” (editorial Pepitas de Calabaza, 2015) é a primeira novela de José Luis Cuerda. Disque está baseada en feitos reais: o mundo enteiro vese reducido a un só edificio e mais a súa contorna. Estamos no ano 9177. A humanidade sobrevivira ata o de agora mal que ben. Aínda así, tres ou catro días á semana segue a saír o sol, e mesmo ás veces hai xente viva polo mundo adiante...

Julián Lacalle é un dos impulsores de Pepitas de Calabaza, a editorial iconoclasta e mesmo contracultural (por moito que a Lacalle non lle gusten ningunha desas etiquetas) que vén de editar “Tempo despois”. Referente editorial en España, autoxestionada, Pepitas de Calabaza, localizada en Logroño, edita maiormente textos críticos, ora ensaio ora narrativa. Xurde no ano 2000 a raíz das inquedanzas dun grupo de mozos pertencente ao daquela en vías de extinción movemento de insubmisión. Hoxe por hoxe son tres as persoas que a levan adiante. Entre os autores dos seus fondos que máis orgullo lle meten a Lacalle están Manuel Jabois ou Mumford, pero tamén José Luis Cuerda, a quen editaron hai un par de anos, “Amanece, que no es poco”, recollendo claves inéditas da película de Cuerda, con prólogo e un anecdotario.

Jerónimo Tristante e José Córdoba "El Chivi"

Jerónimo Tristante (Murcia, 1969) é, ademais de escritor, profesor de Bioloxía e Xeoloxía en Archena. A súa iniciación na escrita foi cun libro de poemas, “Amanece en verde”. Non sería ata 2001 que vería a luz a súa primeira novela, “Crónica de Jufré”. Dende aquela, ten no seu haber un total de sete, catro ao redor da personaxe que o levou ao éxito, o inspector Víctor Ros, un exdelincuente metido a policía. As súas obras, sempre de misterio e aventura, pasan por ter unha documentación histórica moi rigorosa. A primeira de Ros foi “El misterio de la casa Aranda” (2008), ambientada no Madrid do século XIX. Seguíronlle “El caso de la viuda negra”, desenvolvida en Córdoba; “El enigma de la calle Calabria” (2010), en Barcelona, e “La última noche de Víctor Ros” (2013). Tristante foi traducido ao inglés, francés e polaco.

José Córdoba, El Chivi, é madrileño. Cantautor de letras satíricas, a finais dos 90 foi un dos primeiros fenómenos de Internet en España. A súa personaxe “El Chivi” xurdiu cando estudaba Dereito. Dedicábase a compoñer cancións sobre sexo en ton de humor, ao punto de dicirse “pornoautor” na vez de cantautor. Grazas ao éxito que acadou no ciberespazo, El Chivi puido publicar o seu primeiro traballo, “Spanish Psycho”, no 2005. Tivo unha etapa de regresión no 2008, cando volveu ser José Córdoba, mais só lle durou un par de anos. No 2010 sorprende nun concerto no Palacio de Vistalegre, na capital de España, de novo coma Chivi. Vén de sacar un novo álbum, “15 sombras de Chivi” (2015).

Meigas Tribal

É unha compañía de danza ourensá fundada no 2013 por Eva Domínguez, profesora de danzas tribais e orientais na Escuela de Baile Bayamo, en Ourense. Está integrada por Ana Pato, Eva Domínguez, Gloria Feijoo, Iria Doval, Natalia Ribao, Noelia Tapias, e Silvia González. As súas actuacións incorporan a improvisación á creatividade. Meigas Tribal fusiona rock con danzas orientais, quer Tribal Fusion ou ATS (American Tribal Style). O Tribal Fusion busca formas case teatrais de expresión e esixe moita forza física, pois é un tipo de danza “moi muscular, moi dura”. O ATS, un estilo “moi parecido á muiñeira, xa que se baila cos brazos en alto”, xurdiu en Estados Unidos na década dos 60, inspirado nos bailes étnicos do Mediterráneo e mais Oriente Medio. Unha líder marca os pasos e as demais séguena.

Noticias relacionadas