Semana intensa de Nadal cultural en Lugo

A maxia vén a Lugo tamén nestas datas co Baúl do Mago, a cargo do Mago Rafa, o martes, mércores e xoves en Campo Castelo, a partir das 17:00 horas

Este venres arrinca a programación de Brinquedos de Nadal no MIHL con dúas sesións de teatro á tarde para os máis pequenos da casa, e distintos obradoiros creativos no Vello Cárcere

Sábado haberá teatro e poesía no Vello Cárcere, e domingo será a quenda da música

Luns, 18 de decembro de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concellería de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, que dirixe Carmen Basadre, organizou para esta semana unha programación intensa de Nadal cultural na cidade, coa asistencia totalmente de balde.

A maxia vén a Lugo tamén nestas datas festivas co Baúl do Mago, a cargo do Mago Rafa, o martes, mércores e xoves, na Praza de Campo Castelo, dende as 17:00 ás 21:00 horas. Trátase dunha experiencia innovadora para visitar en familia.

O sábado, o patio do Vello Cárcere acollerá a representación do espectáculo Martín Martín, a cargo de Teatro de Títeres Mircomina. Unha vez rematada esta sesión, haberá unha lectura pública de poemas, a partir das 19:00 horas.

Xa o propio día de Noiteboa, o Concello ten preparado un gran concerto de Nadal, a cargo da agrupación musical Lucus Ensemble, a partir das 13:00 horas no Vello Cárcere, lugar que acollerá a partir das 16:30 horas unha sesión de discoteca  para público familiar.

Este vernes día 22 de decembro tamén arrincará a programación de Brinquedos de Nadal, actividades de xogo libre e espectáculos de teatro, música e monicreques dirixida aos máis cativos da casa. Será na Caixa Negra do MIHL, e este vernes será a quenda da función de teatro O lobo e a lúa, de Baobah Teatro, ás 17:00 e 18:30 horas.

Tamén arrincan, para nenos e nenas de 6 a 12 anos, no Vello Cárcere, os obradoiros de cociña creativa, ciencia adivertida, repostería, obradoiros de panxoiñas, decoración de caixas xigantes e fabricación de instrumentos con materiais de refugallo.

Ademais, este centro cultural acollerá mañá martes, 19 de decembro, a inauguración da exposición de fotografía Coñecemento o síndrome de Wolf-Hirschhorn, ás 19:30 horas. Esta mostra súmase á de Galegos en Mauthausen, que acollern as distintas celdas do patio e á de fotografía Cruzar el horizonte, de Pilar Llamas, no segundo andar do centro. Mantéñense tamén o xoves, venres, sábado e domingo as visitas guiadas ao Vello Cárcere, a partir das 18:00 horas os dous primeiros días, e das 11:30 horas a fin de semana.

O MIHL tamén continúa coas súas exposicións, Os Mundos de Carlos Casares, Imaxes Fractais e a da Cohors III Lucensium, polo seu décimo aniversario.

XuvenLugo, co que colabora o Concello, completa a programación lúdica na cidade para os vindeiros días no Pazo de Feiras e Congresos.

Audio

  • Carmen Basadre, sobre a semana intensa de Nadal | Descargar mp3

Noticias relacionadas