Róber Bodegas e Manuel De Lorenzo enxéñanse para poñerlle cancelas a iso chamado humor

O MIHL tamén acolle mañá, venres día 10, o debate atolado que montarán o escritor Pedro Feijoo e mais o xornalista Kiko Novoa arredor dos mil e un mundos que fican desta banda do Miño

O humor-jazz dos Impresenteibols encherá a Praza do Campo alá polas 23 horas

Xoves, 09 de abril de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A xornada de mañá día 10 do Festival da Retranca non deixará a ninguén con mal sabor de boca. Os asistentes ás actividades programadas para este venres de retranca mergullarán ata o pescozo na idiosincrasia e mais o carácter disque máis de noso.

Farano, de entrada, da man do escritor best-seller vigués Pedro Feijoo e mais o xornalista Kiko Novoa, unha parella mediática onde as haxa que abordará sen acritude un asunto que mesmo daría para unha tese: “Hai outros mundos, pero todos están a esta banda do río Miño”. A leria entre ambos os dous, ás 20 horas no epicentro do Festival de Literatura e Arte con Retranca, o Interactivo da Historia, só será a primeira das citas coa gargallada que ofrece a xeira.

Ás 21 horas, o humorista Róber Bodegas e mais o músico Manuel de Lorenzo enlearanse deseguido este venres noutro asunto ben enxebre, os lindes, algo moi serio no país, polo que máis de un seica ma-ta (en dúas palabras). Mañá será posible morrer, aínda que de riso, escoitando a eses dous monstros do espectáculo debatendo no Museo do parque da Milagrosa arredor do humor en todas súas cores, quer negro, quer verde, ora absurdo ora inclasificable.

Xa ás 23 horas, a retranca farase de oído grazas aos Impresenteibols, un grupo coa sorna subida que, a ritmo de humor-jazz, legará o seu “Conferencierto en directo” a todos os que visiten a Praza do Campo este día 10. É, ao dicir dos seus autores, o xeito que matinaron para “sacar os café-teatro ás prazas das vilas e, asemade, levar o carnaval ás salas dos teatros”.

A Carpa das Letras Retranqueiras instalada na Praza Mayor (de 17 a 21 horas) volve ofrecer este venres aos lugueses a máis interesante escolma da literatura nacional e internacional, mentres os establecementos da cidade “co bo humor garantido” seguen ofrecendo tapas con retranca e, posiblemente, “a peor cervexa do mundo (ou non)”, a Retrancus.

O humor e a dupla intención tamén contaxiaron a cocina do chef Santi Almuíña. As Xornadas de Alta Gastronomía con Retranca que se desenvolven no seu local prometen o imposible: exquisiteces onde “ren é o que semella”.

A Concellaría de Cultura, promotora do festival, habilitou un servizo de bus completamente de balde para facilitar os desprazamentos aos eventos que se desenvolven no MIHL. É unha liña de transporte que parte acotío ás 19,30 horas dende o campus universitario (diante da Facultade de Humanidades) e ás 19,45 horas dende a Ronda da Muralla (edificio sindical), e co regreso previsto para as 22,15 horas.

Convidados sábado, 10 de abril

Pedro Feijoo e Kiko Nóvoa

Pedro Feijoo, filólogo de carreira, exerceu durante moitos anos como músico profesional. Baixista, fixo un labor salientable como produtor e compositor. Pertenceu a grupos senlleiros como Los Feliz (de Miguel Costas, ex de Siniestro Total) e Lamatumbá (onde permaneceu doce anos). Xa coma narrador, a súa primeira escrita foi no 1997, un ensaio sobre Castelao e a súa relación co xornal Galicia de Paz-Andrade (1922-1926) titulado “Cousas do `Galicia”. A súa novela “Os fillos do mar” (2012), quedou finalista do premio Xerais e acadou logo o premio Arcebispo Juan de San Clemente (2013), converténdose axiña en todo un éxito de público e vendas. A súa última escrita, “A memoria da choiva” (Xerais, 2013) vai polo mesmo camiño.

Kiko Nóvoa é xornalista. Dende hai máis de cinco tempadas dirixe o exitoso programa da Radio Galega “Galicia por diante”, seis horas de entretemento e información.

Róber Bodegas e Manuel de Lorenzo

Roberto Fernández, Róber Bodegas, é un actor, guionista e humorista nado en Carballo, na Coruña. Deixou a Arquitectura polo Interiorismo e, a comezos dos 2000, converteuse en monologuista. Logo de facer cursos con monstros como Leo Bassi ou Jango Edwards, montou varios espectáculos (“Un día terrible” e “Gazapos” para Manicómicos, por exemplo), antes de gañar a primeira edición de El Rey de la Comedia (2007) da TVE. No 2008 foi guionista e colaborador do programa de La Sexta “Sé lo que hicisteis...”. A música, di, é a súa gran paixón e, de feito, ten sido DJ.

O ourensán Manuel de Lorenzo escribe en revistas coma Jot Down, CTXT e tamén en xornais (El Progreso, Diario de Pontevedra). A súa faceta máis coñecida é a de músico. Toca a guitarra no grupo BestLifeUnderYrSeat, unha formación que promoveron el e mais o seu irmán Jorge con Hugo Babarro no 2009. O seu primeiro longo, “Taking you back home” saíu no 2013. Foron finalistas na última edición do Noroeste Pop-Rock (2014).

Impresenteibols

Os Impresenteibols fan versións de jazz, blues e rock en clave de humor. Buscan, segundo confesan, “sacar o café-teatro ás prazas das vilas e levar o carnaval ás salas dos teatros”. Mesmo inventaron unha etiqueta para se definiren: o “humorjazz”. O seu cedé “No por mucho madrugar se amanece acompañado”, inclúe adaptacións de clásicos coma “Stormy weather”, mudado po eles en “Estoy breva”; ou por exemplo esoutro “Gili, Loli”, unha incrible versión do eterno “Hello, Dolly”.

Noticias relacionadas