A organización do Concello quedará pechada en Pleno este venres

A Xunta de Goberno extraordinaria aprobou a distribución das áreas de Goberno, o nomeamento dos tenentes de alcalde, o cadro de persoal de apoio, e a asignación de concelleiros en órganos colexiados con representación municipal

Martes, 07 de xullo de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O voceiro na Xunta de Goberno

Os asuntos aprobados na Xunta de Goberno extraordinaria celebrada este martes permiten avanzar na organización interna do Concello para este mandato, que quedará pechada en Pleno este venres, segundo anunciou o voceiro municipal socialista, Miguel Fernández. A sesión terá lugar ás 10.00 horas.

Na Xunta de Goberno desta mañá formalizouse a estructura do Goberno local, tanto a distribución das áreas e o nomeamento dos tenentes de alcalde, como a composición da Xunta de Goberno que funcionará tras o Pleno de organización e que substituirá á actual constituída con carácter provisional.

En canto aos tenentes de alcalde: Ana Prieto será a primeira tenente de Alcalde; Miguel Fernández, o segundo tenente de alcalde; Carmen Basadre, a terceira tenente de alcalde, seguida de José Manuel Díaz Grandío, que será o cuarto tenente de alcalde, Ana María González Abelleira, a quinta tenente de alcalde; Daniel Piñeiro, o sexto; e Juan Carlos González Santín, o sétimo.

Polo que respecta á Xunta de Goberno, estará presidida pola Alcaldesa e dela formarán parte os 7 concelleiros do equipo de goberno.

Persoal

Outro dos asuntos aprobados hoxe foi o cadro de persoal de apoio da Corporación. Das 17 dedicacións do anterior mandato, baixouse a 14,5, das que 8,5 estarán asignadas aos grupos políticos con representación municipal e 6 ao Goberno. Esta proposta supón un aforro duns 100.000 euros anuais con respecto ao mandato pasado.

Ademais, acordouse a supresión do posto de coordinador de Alcaldía porque, de momento, non haberá esta figura en ningunha área de goberno. Estase estudiando a necesidade organizativa dos coordinadores nas diferentes concellarías.

Por outra banda, a Xunta de Goberno aprobou unha proposta para a modificación do Orzamento xeral deste ano 2015 para adaptalo á nova composición da Corporación, e que irá ao Pleno de organización. Trátase dunha redistribución das partidas máis xenérica, pois polo de agora estaba pensada para tres grupos, e agora hai seis.

Tamén referido á organización do Concello, acordouse a adscrición dos concelleiros a órganos colexiados con representación municipal. O nomeamento segue a mesma liña que ata o de agora: Naqueles órganos cun carácter institucional máis marcado, como pode ser a FEGAMP ou a FEMP, estará a Alcaldesa, e nos relacionados cunha determinada temática, como poden ser os consellos escolares ou cuestións urbanísticas, o correspondente concelleiro delegado.

Por outra banda, o voceiro socialista confirmou que o reparto de locais da casa consistorial entre os 6 grupos con representación municipal quedará pechado ao longo desta mesma mañá.

Audio

  • Declaracións do voceiro municipal, Miguel Fernández | Descargar mp3

Multimedia

  • O voceiro na Xunta de Goberno

Noticias relacionadas