Oito escolas de danza de Lugo farán exhibicións durante o San Froilán nas Portas da Muralla

Venres, 28 de setembro de 2012
Fonte: 
Gabinete de Prensa

As verbenas correrán a cargo das orquestras Panorama, Los Satélites, Ipanema, Poceiro, Costa Dorada, Tango, D’Moda, Claxon, Breixa Band, Solara e Ledicia

Este ano as portas da Muralla acollerán espectáculos de danza durante as festas do San Froilán. Oito escolas de danza da cidade serán as encargadas de facer a simbólica apertura de portas con exhibicións de distintos estilos. Esta actividade, que foi presentada esta mañá no Concello polo tenente alcalde e responsable de Cultura, Antón Bao, acompañado por representantes das compañías que van actuar, recolle o testigo do pasado ano dos grupos de teatro.

Danza nas Portas desenvolverase todos os días, cada día nunha porta, ás cinco e media da tarde, agás o primeiro día que será ás 8 da tarde. Participan na iniciativa o Grupo de Danza da Universidade, que abrirá a porta de Santiago o día 4 ás oito da tarde cunha actuación de danza contemporánea; o Proxecto Danza, que actuará o día 5 ás cinco e media da tarde en Bispo Aguirre; a Escola de Música e Danza Fábrica de Sons, que fará un espectáculo na porta de San Fernando o día 6 tamén ás cinco e media da tarde; a escola de danza de Mercedes Castro, que fará unha exhibición de danza do ventre e ritmos orientais o día 7 na Porta de San Pedro; o Conservatorio Profesional de Danza de Lugo, que actuará o día 8 na Porta Falsa e o día 9 na Porta da Estación; a Escola de baile Star Dance, que fará unha demostración de ritmos urbanos e baile latino o día 10 na porta Nova; Ritmo Lugo, que bailará punk e hip hop o día 11 na porta do Hospital; e a Escola de Baile Teresa Neri, que fará unha exhibición de danza clásica e flamenco o día 12 na porta de Campo Castelo.

Antón Bao agradeceu a súa participación e implicación neste proxecto enmarcado dentro das festas e afirmou que a iniciativa servirá para que se visibilice o seu traballo. Na maioría das exhibicións participarán nenos e nenas das oito escolas de danza que hai en Lugo.

11 orquestras porán a animación nas verbenas

O tenente alcalde tamén deu a coñecer o nome das orquestras que animarán as verbenas do San Froilán, algo que, dixo, “atraen a moita xente e non pedían faltar nestas festas”. Actuarán na Praza Maior e este ano tamén, como novidade, na Praza de Augas Férreas, grazas á colaboración dos hostaleiros da zona. O día 4 tocarán as orquestras Claxon e Poceiro, o día 5 Ipanema e Los Satélites, o día 6 D’Moda e Breixa Band, o día 7 Costa Dorada, o día 11 as orquestras Tango e Solana, e o día 12 estarán Ledicia na Praza Maior e Panorama en Augas Férreas.

Toda a información sobre as festas do San Froilán en
www.sanfroilan.info

 

Multimedia

Noticias relacionadas