O venres 21 abre as súas postas a X edición da Feira de Artesáns ArteNadal

Mércores, 19 de decembro de 2012
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Este fin de semana tamén se vai celebrar un campionato 3x3 Multideporte nas costas do Parque Rosalía de Castro

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, acompañada por Belén Gayoso Morandeira, Presidenta da Asociación de Artesáns Artimaña, presentaron a X Feira de Artesáns ArteNadal que se celebrará entre o venres 21 de decembro e o sábado 5 de xaneiro de 2013 e que estará situado na Praza da Soidade.

“Estamos ante unha feira consolidada e valorada tanto pola cidadanía como polos visitantes e que ten un papel importante dentro das actividades de Nadal “ segundo manifestou Carmen Basadre e engadiu que “xa é unha alternativa máis para mercar produtos de valor e feitos a man nestas datas”.

A feira de artesáns Artenadal que xa vai polo décimo ano xurdiu como unha proposta da Asociación de Artesáns lucenses “Artimaña” para que os artesáns residentes na comunidade de Galicia, que teñen interese en mostrar e vender os seus traballos, teñan un espazo adecuado na cidade nestas datas.

Este ano haberá 22 postos de artesanía e 38 artesáns da comunidade galega, Ponferrada e Asturias, que atenderán os seguintes postos: Carracedo e Poy con instrumentos musicais, talla de madeira e cerámica; As Consentidas con xabróns, cestería e produtos do Nadal; O Sapochosco con produtos en cartón pedra e pasta de cerámica; Lohizo especializado en xoiería en metal e panos de seda pintados; A luz de… Dekñitas con vidro e artesanía con cañas de beber; Mico especializado en coiro pintado; Khipu que terá produtos elaborados con macramé; Rosa Higuero con xoias en prata; Inspiralia con produtos de alpaca e calceta; Fonte Meimil que traballa o coiro; Verde Darien con macrame e metais; Magma de arte en vidro; Ovella Viva que presenta técnicas de la; Afeitura de xoiería en prata; Pilar que expón produtos de costura e roupa tradicional; Imavi con bixutería de cerámica; Xoguetes Trebello que ten unha ampla variedade de xoguetes de madeira; Noutrora especialista en coiro e fundas de instrumentos; Maravalla con produtos de fimo; Sánchez e Ramón traballan a cana de bambú e coiro; Feitizo que elabora pezas de artesanía con cravos de ferrar; e Licores Os Maios que terán a venda licores artesanais.

Durante a feira, ademais de postos de venda, tamén haberá actividades e actuacións musicais, ademais do IV Concurso de Fotografía ArteNadal que organiza a asociación Artimaña, en colaboración co Grupo Fonmiñá, co fin de provomer e estimular a arte fotográfica da cidade de Lugo e a arte mostrada na feira de artesáns.

Campionato 3x3

Outra das actividades que a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, é a celebración do campionato 3x3 Multideporte que se desenvolverá entre os días 22 e 23 de decembro de 10 a 14 e de 16 a 20 horas para a mocidade de Lugo de entre 14 e 35 anos que está previsto desenvolvelo na costas do Parque Rosalía de Castro.

Para estas xornadas establécense cinco modalidades deportivas como o fútbol, baloncesto, balonmán, volei e xoquei en liña, nas que poderán participar equipos cun mínimo de 3 persoas e un máximo de 5 que deberán levar aos DNI e unha autorización en caso de ser menores de idade. Aos gañadores de cada modalidade entregaránselles un vale para material deportivo e todas aquelas persoas que o desexen poden inscribirse gratuitamente a través do teléfono 010 ou na Concellería de Xuventude.

Multimedia

Noticias relacionadas