O Impulso Verde de Lugo aforrará un 74% de consumo enerxético e reducirá as emisións de CO2 un 90%

A alcaldesa Lara Méndez avanzou que o primeiro edificio público da comunidade construído en madeira de Galicia será referente na loita contra o cambio climático e será capaz de producir con enerxías alternativas o seu consumo

O Goberno de Lugo aproba maña o inicio da súa licitación, cun orzamento de 1.040.503,30€ e o prazo de execución será de 12 meses

A edificación será a semente do primeiro barrio multiecolóxico que se construirá en España desde cero e que combinará solucións urbanísticas e edificatorias

Martes, 06 de agosto de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Impulso Verde de Lugo aforrará un 74% de consumo enerxético e reducirá as emisións de CO2 un 90%

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, anunciou hoxe un novo paso na construción na Garaballa do edificio Impulso Verde, o primeiro edificio público de Galicia de madeira autóctona e a semente do que será o primeiro barrio multiecolóxico de España, xa que mañá aprobarase na Xunta de Goberno Local o inicio do procedemento para licitar á obra. Cun orzamento de 1.040.503 euros, o prazo de execución será de 12 meses máximo.

Este edificio pioneiro e innovador enmárcase no Life Lugo+Biodinámico, programa encamiñado non só a deseñar desde Lugo as cidades ecolóxicas no futuro senón a ser exemplo na aplicación de solucións de enerxías limpas e de eficiencia enerxética.

Acompañada dos representantes dos socios deste proxecto europeo impulsado polo Concello de Lugo, Pilar García Porto, voceira da Deputación; Belén Feijóo, arquitecta do Campus Terra,  e Luis Ruiz, da UPM, a alcaldesa destacou que “este edificio piloto nace coa vocación de converterse nun referente na loita contra o Cambio Climático na sociedade galega, propondo un novo modelo construtivo realizado na súa totalidade con estrutura de madeira local”.

Por iso, insistíu, “suporá unha auténtica revolución no modelo de construción urbana, baseada no mellor que temos, os nosos recursos naturais, para minimizar o impacto ambiental e mellorar a calidade de vida dos e das lucenses”. Pero tamén “será un revulsivo económico para dinamizar o sector forestal de Lugo e de Galicia ao abrir as portas a un novo modelo produtivo de alta tecnoloxía, que permitirá desenvolver o valor engadido da madeira e doutros cultivos autóctonos, situando á cidade, á provincia e á comunidade no mapa da innovación ecolóxica”.

O Impulso Verde está deseñado cun sistema de estruturas laminares reticulares de eucalipto para a súa aplicación en cubertas, e un panel de madeira contralaminada de piñeiro radiata para a súa aplicación en edificación en altura.

En canto ás innovacións, será un edificio de balance enerxético case cero, é dicir, será capaz de producir con enerxías alternativas o seu consumo. Cando estea construído, monitorizarase para avaliar o seu rendemento e detectar, incluso, se pode producir máis enerxía da que consome.

Ademais, o seu modelo de construción implicará un aforro de consumo enerxético dun 74% respecto a edificios de oficinas xa existentes, e dun 54% respecto aos de nova construción.

Respecto ao CO2, Lara Méndez indicou que emitirá un 90% menos que os edificios de formigón e aceiro (50 toneladas fronte a 470) e que, ademais, absorberá 280 toneladas de emisións, “o que significa que está axudando xa nunha alta porcentaxe a reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro”.

Desde un punto de vista espacial, o edificio conectará ao usuario coa natureza a través do emprego da madeira e da inserción de espazos axardinados, destinadas ao descanso e a distensión xa que estará rodeado dun novo parque con pavimentos drenantes, especies autóctonas, xardíns de choiva e unha ampla zona de hortos urbanos.

De uso público e con actividade permanente, o Impulso Verde albergará servizos municipais, ademais dun coworking para empresas relacionadas co medio ambiente e o cambio climático.

“Por todas estas razóns, o proxecto marcará un punto de inflexión, que contribuirá de maneira decisiva a un cambio de paradigma construtivo cara modelos sostibles e respectuosos co medio ambiente, pero tamén á posta en marcha dunha economía verde”, comentou Méndez. “Lugo será un municipio aberto ás empresas que queiran apostar por esta economía social e comprometida. Unha fórmula para consolidar a nosa identidade urbana e rural dentro do panorama global”, dixo.

A edificación será a semente do primeiro barrio multiecolóxico que se construirá en España desde cero e que combinará solucións urbanísticas e edificatorias, que tamén se recollerán nun pioneiro Catálogo de Solucións Sostibles, que o Concello de Lugo presentará próximamente.

Máis info

Audio

  • Lara Méndez: "Un edificio de balance enerxético case cero, e dicir, que será capaz de producir con enerxías alternativas o consumo que gasta"
  • Lara Méndez: "Este edificio implicara un aforro de consumo enerxético moi importante,  dun 74% respecto a edificios análogos de oficinas xa existentes e dun 54% respecto aos edificios de nova construcción"
  • Pilar García Porto: "Para a deputación de Lugo é unha plena satisfacción apoiar ó Concello de Lugo nesta gran transformación da cidade que se está impulsando a través da alcaldía"
  • Pilar García Porto: "Construído con madeira como dixo a alcaldesa producida única e exclusivamente en Galicia algo que non pode pasar inadvertido"
  • Luis Ruiz: "Este edificio sitúa a Lugo a día de hoxe a vangarda dos sistemas de construción sostible tanto a nivel nacional como a nivel europeo"
  • Lara Méndez sobre a presentación do "Edificio Impulso Verde" | Descargar mp3
  • Pilar García Porto sobre a presentación do "Edificio Impulso Verde" | Descargar mp3
  • Luis Ruiz sobre a presentación do "Edificio Impulso Verde" | Descargar mp3
  • Belén Feijóo sobre a presentación do "Edificio Impulso Verde" | Descargar mp3

Multimedia

  • O Impulso Verde de Lugo aforrará un 74% de consumo enerxético e reducirá as emisións de CO2 un 90%

Noticias relacionadas