O II Medio Maratón Cidade de Lugo mantén o tirón e sorprende co seu novo percorrido, que visibilizou o patrimonio da cidade

Lara Méndez, Blanca de Cora, Miguel Fernández e Darío Campos entregaron os trofeos desta proba deportiva, na que participaron máis de 700 deportistas, e que gañou o corredor lugués Manuel Hurato e a atleta afincada en Lugo María Jesús Coya

Domingo, 13 de maio de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O II Medio Maratón Cidade de Lugo mantén o tirón e sorprende co seu novo percorrido, que visibilizou o patrimonio da cidade

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, a adxunta á Presidencia de El Progreso, Blanca de Cora, o Concelleiro de Deportes e Medio Rural, Miguel Fernández, a Concelleira de Concello e Cidadanía, o Presidente da Deputación, Darío Campos, e o Deputado de Deportes, Pablo Rivera, xunto con representantes das entidades colaboradoras, asistiron este domingo á saída e á entrega de trofeos ás persoas gañadoras nas distintas categorías do II Medio Maratón Cidade de Lugo, organizada polo Concello e El Progreso.

O atleta Manuel Hurtado Sanjurjo e a atleta María Jesús Coya Otero gañaron nas categorías masculina e feminina, respectivamente, do II Medio Maratón Cidade de Lugo. O corredor lugués logrou a vitoria cun tempo final de 01:06:39 horas, mentres que a deportista, afincada en Lugo, completou o percorrido en 01:21:53 horas. Na proba, ao igual que o ano pasado tamén participou o dúas veces campión do mundo de maratón, Abel Antón, que xunto con Fermín Cacho, apadriñan esta competición deportiva que aspira a consolidarse no calendario atlético galego.

O percorrido da segunda medio maratón constou de 3 voltas polos mesmos emprazamentos, co que se buscou, ademais de dar resposta ás e aos atletas, de visibilizar o patrimonio de Lugo. Deste xeito tamén se incorporou este ano a Avenida da Coruña e o barrio da MIilagrosa ao traxecto, que sorpendeu tanto ás propias persoas corredoras como á afección. Tivo como punto de partida a rúa Anxo López Pérez, para continuar pola Praza da Constitución, Ronda da Muralla (no sentido do tráfico), Avenida da Coruña sentido norte, xiro á esquerda cara a rúa Mallorca, rúa Milagrosa, Xulia Minguillón para retomar á Avenida da Coruña sentido sur, Ronda da Muralla, xiro á esquerda e entrada pola Porta de Santiago, rúa Bo Xesús, Praza de Santa María, fondo da Praza Maior, porta de Bispo Aguirre, rúa Vilalba, xiro á dereita por Rodríguez Mourelo, Praza de Avilés, García Portela, rúa Vila de Foz, xiro de 180º, rúa Vila de Foz, García Portela, Praza de Avilés, Rodríguez Mourelo, xiro á dereita cara á rúa Ramón Ferreiro, volta e xiro 180º, rotonda Fonte do Rei e Ramón Ferreiro. A recta de meta foi a Praza Horta do Seminario.

Multimedia

  • O II Medio Maratón Cidade de Lugo mantén o tirón e sorprende co seu novo percorrido, que visibilizou o patrimonio da cidade