O Concello tramita expediente disciplinario a tres policías locais por non acudir como reforzos a pesar de ser notificados

Os axentes foron requiridos para axudar aos seus compañeiros da quenda ordinaria de traballo durante a celebración de eventos especiais na cidade

As súas ausencias poden englobarse como faltas graves ou moi graves, tal e como están tipificadas na Lei de Coordinación de Policías Locais de Galicia

Venres, 15 de marzo de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello de Lugo tramita a apertura de expediente disciplinario a tres policías locais por non presentarse ao seu posto de traballo como reforzos dos seus compañeiros da quenda normal de traballo, a pesar de ter recibido a notificación pertinente. Os reforzos foron decretados en atención das circunstancias especiais que concorrían en cada un dos casos, sempre relacionadas coa celebración na cidade de eventos que obrigaban a iso ao ser claramente insuficientes os efectivos cos que contan as quendas de traballo ordinarias.

A tramitación dos expedientes xustifícase en que estas ausencias poden ser englobadas nas faltas que a Lei de Coordinación de Policías Locais de Galicia (Lei 4/2007, de 20 abril, e DOG 3 de maio de 2007) tipifica como “moi graves” o “graves”:

“Artigo 79. Faltas moi graves:
e) A insubordinación individual ou colectiva, respecto ás autoridades ou mandos de que dependan”.
f) O abandono do servizo, salvo que exista causa de forza maior que impida comunicar ao mando superior dito abandono”.

“Artigo 80. Faltas graves:
b) A desobediencia aos mandos superiores xerárquicos ou responsables do servizo con motivo das ordes ou instrucións lexítimas dadas por aqueles, salvo que constituíse infracción manifesta do ordenamento xurídico”.

O Goberno lucense lembra que a ausencia inxustificada dos axentes das forzas de seguridade nos actos onde son requiridos como apoio ou reforzo pon en perigo o bo transcorrer dos actos así como á propia cidadanía que participa nos mesmos.

Noticias relacionadas