O Concello súmase ás reivindicacións do Día Mundial da Saúde Mental

Martes, 10 de outubro de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello súmase ás reivindicacións do Día Mundial da Saúde Mental

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e as Concelleiras de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana González Abelleira, e Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, xunto a outros membros da Corporación municipal, participaron este martes diante da casa consistorial nos actos conmemorativos do Día Mundial da Saúde Mental, que, promovidos pola asociación Alume e FEAFES Galicia (Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental), estiveron neste 25 aniversario centrados na lectura dun manifesto e unha campaña de sensibilización sobre o dereito de calquera persoa a acceder e manter un emprego. Titulada E ti, como fomentarías a saúde laboral no traballo?, a iniciativa invita á cidadanía a deixar unha mensaxe nun post cunha achega para contribuír a que os lugares de traballo sexan contornas saudables onde se coide a saúde mental.

O Concello colabora con Alume cunha subvención nominativa de 10.000 euros que contribúe a financiar o piso tutelado co que conta a asociación, e tamén achega uns 50.000 euros para o desenvolvemento dun programa conxunto entre esta asociación e Cruz Vermella, destinado a reforzar o programa de atención na rúa e chegar a máis persoas sen fogar ofrecéndolles recursos para afrontar a súa situación de vulnerabilidade.

Multimedia

  • O Concello súmase ás reivindicacións do Día Mundial da Saúde Mental