O Concello promove a inserción sociolaboral de 13 persoas con enfermidade mental

A Alcaldesa renovou a colaboración municipal co programa Juntos Somos Capaces, unha iniciativa da  Fundación Mapfre co apoio da Federación de Asociacións de Familiares e Enfermos Mentais de Galicia (FEAFES)

Lara Méndez destacou que esta nova colaboración responde ao compromiso continuado do Concello coas políticas sociais, que reciben o 21% do orzamento 

Xoves, 23 de marzo de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello promove a inserción sociolaboral de 13 persoas con enfermidade mental

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, anunciou este xoves que o Concello renovou a súa colaboración co programa Juntos Somos Capaces, que desenvolve a Fundación Mapfre co apoio da Federación de Asociacións de Familiares e Enfermos Mentais de Galicia (FEAFES), unha iniciativa que permitirá que 13 persoas con enfermidade mental, en risco de exclusión social e en situación de desemprego de longa duración, traballen en prácticas en catro empresas que prestan servizos municipais (Calfensa, Clece, Lacera e Urbaser), o que mellorará a súas posibilidades de inserción laboral.

A rexedora estivo acompañada por José María Rañón, director de Mapfre en Lugo, e Manuel Fernández, vicepresidente de FEAFES Galicia e presidente da asociación lucense Alume, nunha comparecencia na que tamén estiveron presentes as Concelleiras de Emprego e Benestar Social, Ana Prieto e Ana González Abelleira, ademais de representantes das catro empresas colaboradoras, José Ramón Panete, de Calfensa, Abel Álvarez, de Clece, Jesús Manuel Gayoso, de Lacera, e Miguel Ángel García, de Urbaser, xunto a moitos dos beneficiarios do programa social de emprego.

A Alcaldesa agradeceu a iniciativa da Fundación Mapfre e de FEAFES, ademais de felicitar ás empresas pola súa responsabilidade social corporativa, “imprescindible para sacar adiante proxectos coma este”. 

Lara Méndez destacou así mesmo o compromiso continuado do Concello coas políticas sociais, “somos un Concello profundamente social, o que non se reflexa só en palabras, senón en feitos, pois destinamos o 21% do orzamento a este eido, 19 millóns de euros, e contamos ademais cunha área municipal de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, que, con Ana González Abelleira á fronte, mantén un contacto directo cos colectivos que agrupan a estas persoas e pulsa día a día as súas necesidades e reivindicacións”.

A rexedora salientou así mesmo a contribución do programa Juntos Somos Capaces á “inclusión real e efectiva que buscamos”, pois dende 2010 permitiu que máis de 2.500 persoas en risco de exclusión social e desemprego de longa duración conseguisen un traballo, 290 delas na comunidade galega.

Pola súa banda, a Fundación Mapfre tamén deu a coñecer outra iniciativa encamiñada a incentivar a contratación entre os colectivos máis vulnerables da sociedade, o programa Accedemos, que pon a disposición do tecido empresarial 500 axudas.

Audios

Noticias relacionadas