O Concello pedirá unha reunión coa Xunta para desbloquear a aprobación da totalidade do PXOM

Os técnicos municipais explícanlle á oposición que, para cumprir as condicións impostas pola Xunta, o Concello tería que gastar máis de medio millón nun traballo que é responsabilidade doutra administración

Mércores, 11 de febreiro de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Alcalde, José López Orozco, presidiu hoxe unha xuntanza convocada pola Concelleiro de Urbanismo e Medio Ambiente, Luis Álvarez, con representantes dos grupos políticos da oposición para tratar sobre o 5% do Plan Xeral de Ordenación Municipal pendente de aprobación definitiva pola Xunta de Galicia. Na xuntanza participaron, ademais do Alcalde e o Concelleiro de Urbanismo e Medio Ambiente, os Concelleiros, do Partido Popular, Jaime Castiñeira e Isabel Devesa e, do Bloque Nacionalista Galego, Paz Abraira, así como o Interventor e o Secretario municipal, o Xefe e a letrada da Asesoría Xurídica, o Enxeñeiro xefe de Medio Ambiente, o Xefe do servizo de Urbanismo, o Xefe do servizo de Arquitectura, o Xefe do servizo de Enxeñería e técnicos da Empresa municipal Evislusa.

Na xuntanza acordouse solicitar un encontro de traballo coa Consellería de Medio Ambiente, Infraestruturas e Territorio, que se vai pedir de inmediato, para que os técnicos das dúas administracións confronten os seus pareceres e tratar de desbloquear, dunha vez, a parte do PXOM pendente de aprobación definitiva.

Segundo se deduce do ocorrido na xuntanza, hoxe, por fin, o PP asumiu que as teses que vén defendendo dende o primeiro momento o Goberno local correspóndense exactamente cos argumentos que sosteñen os técnicos municipais, dado que o Voceiro dese Grupo político anunciou na reunión que él é partidario de “ter unha reunión apoiando as propostas dos técnicos municipais”.

En síntese, os técnicos municipais expuxeron o seu criterio, asumido dende o primeiro momento polo Goberno local, de que as condicións postas ó Concello de Lugo para a aprobación da parte pendente do PXOM inclúen aspectos que supoñen unha revision encuberta por parte da Consellería de Medio Ambiente, Infraestruturas e Territorio dun acordo anterior, xa que hai zonas que en principio se consideraban aprobadas sobre as que a nova Orde sementou dúbidas.

A esa incertidume únese, como deixaron claro os técnicos do Concello, que a competencia sobre a delimitación de cauces non é municipal senón doutra administración, que é a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil.

É tan claro a quen corresponde a competencia nesta materia que, como explicaron os técnicos municipais, preténdese impoñer ó Concello de Lugo a obriga de elaborar uns estudos pero éstes non poden ter validez ningunha sen que lles dea a súa aprobación precisamente a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, unha administración que, por certo, deixou en evidencia as súas lagoas, como quedou demostrado recentemente en Lugo, cando, con motivo dun problema orixinado para levar a cabo as obras da Ponte de Mera, comprobouse que a Confederación Hidrográfica non tiña delimitación deste cauce.

Por se fora pouco, as exixencias que se lle fan ó Concello de Lugo supoñen que a Administración local tería que asumir un gasto inxustificado e tamén moi cuantioso, xa que un informe do departamento de Topografía da USC avalía en 560.000 euros, sen IVE, o custe de facer a cartografía que se lle pide ó Concello de Lugo, que, por certo é dunha precisión moi superior a do PXOM, xa que é a escala 1:2.000 mentres que o PXOM está en escala 1:5.000.

De feito, o Concello tentou obter eses documentos sen ter que asumir este gasto indebido e agardou nos últimos meses pola redacción dos estudos de inundabilidade da Dirección Xeral de Augas pero foi sen éxito, xa que tampouco ese traballo técnico ten a precisión que se lle require ó Concello de Lugo.