O Concello de Lugo dixitalizará os arquivos dos departamentos de Persoal, Cemiterio e as actas do século XVIII

A alcaldesa Lara Méndez sostivo que a actuación, enmarcada na transformación cara a unha E-Administración, permitirá unha xestión máis eficiente e optimizar a transparencia

O traballo desenvolverase co obradoiro AtriumTIC, que axudará á empregabilidade de 16 mozos e mozas, de 16 a 29 anos de idade, nunha ámbito laboral moi en auxe

O edil Mauricio Repetto explicou que as persoas interesadas deberán inscribirse nas oficinas de emprego e que as bases están na web do Concello de Lugo

Venres, 13 de setembro de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello de Lugo dixitalizará os arquivos dos departamentos de Persoal, Cemiterio e as actas do século XVIII

O Concello de Lugo implementará o uso das TIC nos procesos de xestión documental no marco dos traballos da transformación da administración local cara a unha E-Administración. Así o anunciou hoxe a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, quen avanzou que se iniciarán os traballos de dixitalización dos arquivos municipais dos departamentos de Persoal, Estatística e Cemiterio. Será un primeiro paso na dixitalización dos arquivos, que terá a súa continuidade no tempo.

“A finalidade principal é preservar os documentos e xestionar ditos fondos dunha forma eficiente e áxil a nivel interno xa que axilizará o acceso á documentación, alcanzando uns procesos de traballo máis eficientes e cun menor custo”, destacou, e sinalou que tamén permitirá “optimizar os parámetros de transparencia do Concello ao garantir o acceso publico á documentación, baixo as reservas que poidan existir no cumprimento da lexislación que os regula”.

A rexedora estivo acompañada na presentación pola concelleira de Gobernanza, Paula Alvarellos, e o de Desenvolvemento Sostible, Mauricio Repetto.

Na área de Persoal, os arquivos que se dixitalizarán son os expedientes referidos á Administración e representación do persoal (regulamentos, convenios, expedientes de nomeamentos, ofertas de emprego público, expedientes persoais), así como expedientes de selección de persoal (oposicións, concursos). Paula Alvarellos incidiu en que se se fala de documentación especialmente importante para a xestión diaria en materia de persoal no Concello.

No caso do Cemiterio, trátase de expedientes referidos á creación do cemiterio municipal de San Froilán e a súa xestión, cemiterio no que durante o mandato pasado o Goberno de Lara Méndez impulsou actividades de tipo cultural, social e mesmo divulgativas orientadas á súa integración na vida social da cidade e á súa reivindicación como parte fundamental da súa memoria histórica e do patrimonio artístico. De feito, no 2017 foi premiado ás mellores actividades de portas abertas en cemiterios de España.

Outra das dixitalizacións que se levarán a cabo será a dos libros de actas consistoriais do século XVIII (desde o ano 1728 a 1800), pertencentes ao fondo histórico do Concello de Lugo. As actas capitulares son os documentos máis representativos da xestión e administración dos concellos modernos. Expedidos polos órganos de goberno locais, recollen as decisións e actuacións dos cargos municipais da época. Son unha fonte imprescindible para a reconstrución dos diversos aspectos da vida da cidade.

Empregabilidade xuvenil

Este proceso de dixitalización se levará a cabo a través dun obradoiro que se impartirá no CEI Nodus, que se enmarca nas iniciativas lanzadas para impulsar a empregabilidade dos mozos e mozas a través da formación vinculada coas novas tecnoloxías.

A alaldesa sostivo que “a mocidade terá ocasión de formarse a través de expertos en documentación durante os seis meses que durará este obradoiro, polo que sairán preparados co fin de que o día de mañá poidan traballar nesta especialidade ou mesmo crear unha empresa”. “Non podemos esquecer que esta xestión documental conleva tamén a necesidade de contar cun perfil novo de profesionais especializados en varias disciplinas e no tratamento e manexo do patrimonio cultural. Falamos, por tanto,  dun ámbito laboral en auxe que se pode configurar como unha saída laboral moi interesante para futuros profesionais que sexan quen de xestionar estes novos recursos dixitais”.

Mauricio Repetto lembrou que o obradoiro, de seis meses de duración e que financia a Xunta de Galicia, conta cun orzamento de 180.000 euros e que os mozos e mozas de 16 a 29 anos interesados en participar deberán inscribirse canto antes nas oficias de emprego. O proceso de selección serán os días 24 e 25.

Non é esta a primeira iniciativa de dixitalización xa que o Concello de Lugo leva anos promovendo a utilización das novas tecnoloxías en xestión patrimonial coa finalidade de difundir dunha forma xeneralizada a toda a cidadanía o acceso ao patrimonio histórico da cidade. Entre estas actuacións se enmarcaron os traballos de dixitalización de parte do fondo documental de carácter histórico do concello ou a colección fotográfica do arquivo municipal.

Máis info

Audio

  • A alcaldesa, Lara Méndez, sobre a presentación do obradoiro | Descargar mp3
  • O concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Mauricio Repetto, sobre a presentación do obradoiro | Descargar mp3
  • A concelleira de Gobernanza, Paula Alvarellos, sobre a presentación do obradoiro | Descargar mp3

Noticias relacionadas