O Concello de Lugo acada a paz laboral coa maioría da representación sindical municipal

Xoves, 11 de decembro de 2008
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concelleiro de Protección da Comunidade e Réxime Interior, José Rábade, e o Presidente da Candidatura Independente, José Rojo, asinaron o compromiso de restablecer o diálogo permanente entre o Goberno Local e o sindicato. Súmanse así ao acordo suscrito o pasado 26 de novembro coa UXT e que supón, segundo José Rábade “un paso de xigante nun compromiso que eu asumín cando cheguei ao cargo”.

Con este acordo, os asinantes recoñecen compartir o desexo de mellora das relación laborais no Concello de Lugo dende a súa propia responsabilidade, e consideran que é necesario o restablecemento dun clima de diálogo permanente e constructivo para a mellora das relacións laborais no Concello de Lugo.

O texto inclúe que este paso debe traducirse en puntos, como a mellora das condicións de traballo dos empregados públicos, a productividade, a mellora de servizos, a oferta de emprego publico, carreira profesional, promoción,  conciliación da vida familiar e laboral, e, en xeral, aqueles aspectos que inciden neste marco de relacións laborais que debe  mellorar.

O acordo, que quixeron facer público neste acto de sinatura, recolle pautas de traballo a partir de agora, como a consulta mutua e previa sobre os asuntos de carácter xeral, sempre dentro do ámbito das suas respectivas atribucións, que afecten ós traballadores do Concello de Lugo.

O Concello de Lugo comprométese a:

-           Constituir de xeito coincidente co inicio dos traballos de elaboración do catálogo de postos de traballo do Concello de Lugo, dunha comisión de seguemento da valoración dos postos de traballo, que terá en conta o concepto de carreira profesional, contribuíndo á normalización da plantilla. Esta comisión velará asemade pola aplicación do catálogo.

-           Que a aplicación do catálogo de postos, non suporá merma retributiva algunha para ningún traballador do Concello, salvo que cambien as circunstancias do posto. Procurando a sintonía das mesmas coas das administración pública de referencia para o Concello de Lugo (grandes cidades galegas e deputacións provinciais) para todos os grupos profesionais.

-           Que se constituirá  antes do 15 de decembro do 2008 dunha comisión de Funcionarización do persoal laboral acorde co estatuto, e ao inicio deste proceso de funcionarización unha vez rematada a elaboración do catálogo de postos.

-           Proceder á creación dunha comisión específica de seguemento do proceso de reestructuración da policía local.

-           Mellorar o control sobre as asistencias técnicas e concesións municipais             reforzando para elo os mecanismos de supervisión necesarios.

Outro dos puntos do acordo é a creación dunha Comisión de Seguemento paritaria que garanta o cumprimento destes puntos.

Man tendida a todos os sindicatos
O responsable de Réxime Interior, lembrou que con este acordo acádase “a paz social e laboral coa maioría dos sindicatos con representación municipal”. Aproveitou ademais para reiterar a súa man tendida ao resto de representantes dos traballadores “a miña porta sempre estivo aberta e segue aberta ao diálogo. Espero que a este compromiso que nos beneficia a todos, tamén aos traballadores, sexa asumido polo resto de sindicatos”.

Noticias relacionadas