O Concello adica máis de 469.000 euros ó funcionamento das escolas infantís de San Fiz e A Piringalla

Venres, 03 de maio de 2013
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Alcalde accidental e Voceiro do Goberno local, Luis Álvarez, informou hoxe da contratación da prestación do servizo educativo nas dúas escolas infantís de San Fiz e A Pringalla para a realización de servizos educativos, de comedor e limpeza en ambas escolas.

O acordo foi tomado na sesión que celebrou esta mañá a Xunta de Goberno Local. A duración deste contrato é dun ano con prórrogas de ata dous anos. O importe é para a primeira anualidade de 469.457,50 euros.

O Goberno local tamén aprobou a contratación do servizo de atención ó público en distintos museos da cidade, un servizo, que segundo explicou Luis Álvarez, inscríbese na aposta polo turismo de calidade que fai o Concello.

O servizo contrátase para á atención ós visitantes do Museo Interactivo da Historia de Lugo, o Centro de Interpretación da Muralla e a Casa dos Mosaicos. O prezo de licitación é de 134.000 euros e a duración do contrato será dun ano prorrogable por outro.

Ademais, a Xunta de Goberno Local deulle o visto e praza ás obras de rexeneración de firmes na estrada de Argonde a Vilachá e na estrada de Orbazai, no treito que comunica a Igrexa de San Lázaro e a Ponte do rio Mera.

A primeira delas afecta a un treito de 2,5 quilómetros e a actuación é para solucionar o deterioro desta estrada mediante a rexeneración do firme xunto coa limpeza de bordes e cunetas. O valor estimado do contrato é de 75.472,92 euros. O prazo de execución será de máximo dous meses.

A segunda das actuacións afecta a un treito de 3 quilómetros e consistirá na rexeneración do pavimento sendo preciso un reforzo para mellora as condicións estruturais e superficiais do firme. O prezo estimado do contrato é de 161.556 euros IVE incluído. O prazo máximo de execución tamén é de dous meses.

O Goberno aprobou, ademais, a resolución, por mutuo acordo, da contratación do seguro de asistencia sanitaria para un colectivo de empregados do Concello, unha vez que culminou a incorporación destes traballadores no réxime xeral da Seguridade Social.

A Xunta de Goberno tamén acordou a incoación dun expediente de incautación da garantía definitiva á empresa que constrúe o Edificio da Policía Local e Protección Civil ao non ter cumprido a empresa a totalidade do contrato, xa que non consta o pagamento da cantidade pendente de 48.962,32 euros correspondente á monetorización do 2% do IVE consecuencia da subida do tipo impositivo do 16% ao 18%.

Multimedia

Noticias relacionadas