O Alcalde de Lugo entrega a Medalla de Ouro da Cidade á Asociación de Amigos de San Froilán de Barcelona

Luns, 15 de outubro de 2012
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Máis de 50.000 persoas participan nos tres días de festexos do San Froilán de Barcelona que se celebran no barrio de Nou Barris

O Alcalde, José López Orozco, entregou hoxe a Medalla de Ouro da Cidade de Lugo á Asociación Cultural Amigos de San Froilán de Barcelona, unha distinción coa que o Concello lle fai un recoñecemento a esta entidade pola importante difusión que fai en Cataluña das festas de Lugo e da cultura galega no seu conxunto.

No acto, celebrado este mediodía no Salón de Plenos, tamén participou o Tenente de Alcalde e Concelleiro de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Antón Bao, e contou coa asistencia do Presidente da Deputación Provincial, José Ramón Gómez Besteiro; o Subdelegado do Goberno, os Voceiros dos Grupos municipais e outros membros da Corporación Municipal, así como a Xunta Directiva da Asociación Amigos de San Froilán de Barcelona, representada por Manuel Fouce, Domingo Díaz e Ramón Rey.

O Presidente da entidade, Manuel Fouce, foi o encargado de recoller a distinción. A concesión da Medalla de Ouro á Asociación de Amigos de San Froilán de Barcelona foi aprobada pola Corporación municipal na sesión plenaria celebrada o pasado día 1.

Logo da entrega do título coa Medalla, o Alcalde salientou o “traballo extraordinario que leva a cabo esta entidade pola cultura do noso país” e tamén fixo fincapé en que a difusión das festas do San Froilán, da gastronomía galega e da nosa cultura serven para que os galegos residentes en Cataluña e os seus fillos xa son cataláns de nacemento manteñan vivos os seus vínculos co país, ademais de dar a coñecer o mellor de Galicia ós cataláns.

En representación da Asociación, agradeceu o recoñecemento Ramón Rey, quen explicou que o San Froilán é unha das festas máis multitudinarias de Barcelona, algo que atribuíu a “unha especie de milagre do Santo”. Ademais, dixo que “para nós esta Medalla representa o mesmo que para un científico o premio Nobel”. Asimemesmo amosou a súa gratitude, no nome dos miles de galegos e cataláns que participan na organización do San Froilán de Barcelona, por este recoñecemento do Concello de Lugo e asegurou que a Medalla de Ouro da Cidade de Lugo “ocupará un lugar destacado, non só nas nosas vitrinas, senón tamén no noso corazón”.

Antes da entrega da Medalla de Ouro, a Xunta Directiva da Asociación de Amigos de San Froilán de Barcelona foi recibida no Despacho da Alcaldía, onde asinaron no Libro de Honra do Concello.

18 anos do San Froilán en Barcelona

A Asociación Cultural Amigos de San Froilán de Barcelona fundouse no ano 1995. A idea naceu de tres lucenses afincados en Cataluña, Manuel Fouce e Domingo Díaz, ambos de Guntín, e Ramón Rey, de Monforte de Lemos. Trátase dunha asociación sen ánimo de lucro que ten o obxectivo de promocionar na Cidade Condal a cultura, gastronomía e costumes da terra galega.

Para acadar ese obxectivo de promover Galicia, que naceu coa celebración do Copa do Rei de fútbol polo Deportivo da Coruña, escolleron celebrar en Barcelona as festas na honra de San Froilán que mantén o seu carácter marcadamente galego pero na que tamén están convidados a participar representantes doutras culturas afincadas en Nou Barris, lugar onde se celebra.

A festa do San Froilán en Nou Barris desenvólvese durante tres días e conta cunha participación de máis de 50.000 persoas, segundo datos oficiais da Guardia Urbana de Barcelona.

Tamén dá idea do éxito que ten acadado o San Froilán de Barcelona o feito de que o Concello desa cidade recoñeceuna como a mellor festa que se celebra na capital catalá, despois da da Mercé, que son os festexos na honra da padroa de Barcelona.

No ano 2007, a Asociación recibiu o premio Distrito de Nou Barris, que lle foi entregado polo Alcalde de Barcelona, o Molt Honorable Jordi Hereu.

En marzo deste ano tamén foron recoñecidos como Embaixadores Hostaleiros da Provincia de Lugo pola Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería.

Ademais a Asociación Cultural Amigos de San Froilán de Barcelona é a única entidade galega na capital de Cataluña que participou no desfile de St. Patrick´s Day de Nova Iorque, onde representaron ás cidades de Lugo e Barcelona, portando as bandeiras de Galicia, España e Cataluña durante o famoso desfile pola 5ª Avenida que honra ó patrón de Irlanda.

www.sanfroilan.info

Multimedia

Noticias relacionadas