Lugo é a cidade galega na que máis medrou o turismo internacional o ano pasado, no que experimentou un crecemento de case un 40%

Martes, 14 de xaneiro de 2014
Fonte: 
Gabinete de Prensa

En 2013 rexistráronse preto de 210.000 pernoctacións e recibimos máis de 123.000 turistas, segundo os últimos datos publicados polo INE


O Concello presentará a oferta turística de Lugo en Fitur o día 23 e recibirá o mesmo día unha distinción da empresa de viaxes Trivago por ser un dos tres destinos turísticos de España con máis proxección para 2014
O Alcalde de Lugo, José López Orozco, e a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Língua, Carmen Basadre, deron a coñecer hoxe a positiva evolución do sector turístico durante o ano 2013 dacordo cos últimos datos oficiais de ocupación hoteleira facilitados polo Instituto Nacional de Estatística. 
Dacordo coa información facilitada polo INE entre os meses de xaneiro e novembro Lugo foi a cidade que liderou en Galicia o incremento do turismo internacional, que medrou case un 40%.
O Alcalde felicitouse por estes resultados da evolución turística que son consecuencia da aposta que fai o Concello para o desenvolvemento de Lugo como destino turístico. Para continuar con ese traballo de difusión turística da nosa cidade, o Concello participará un ano máis na Feira Internacional de Turismo, Fitur, que se vai celebrar a próxima semana en Madrid. 
López Orozco destacou que “xa se demostrou que Lugo existe para o turismo, estamos ben posicionados e agora temos que poñernos as pilas todos os lucenses e as institucións, tanto públicas como privadas, para avanzar neste obxectivo, porque o sector turístico é importante desde o punto de vista económico para as empresas e tamén o é para a creación de emprego”.  
O Alcalde e a Concelleira de Cultura farán a presentación de Lugo como destino turístico o vindeiro día 22. Ese mesmo día tamén recibirán unha distinción concedida a Lugo pola empresa de viaxes Trivago, que considera a nosa cidade como un dos tres destinos turísticos de España con máis proxección para este ano, logo de que nun estudo que realizou no 2013 Lugo figurara entre os 100 primeiros destinos turísticos do mundo e o séptimo de España. 
Pola súa parte, Carmen Basadre anunciou que o Concello tamén está convidado a participar o día 21 no Foro de liderazgo turístico que organiza Exceltur, unha asociación formada por distintas empresas do sector dos viaxes. 
A Concelleira de Cultura tamén asistirá o día 23 a unha xuntanza que vai celebrar, cadrando con Fitur, a rede de Cidades catedralicias na que se vai incorporar Lugo á executiva deste organismo.
Evolución turismo de xaneiro a novembro
Nos once primeiros meses de 2013 a cidade de Lugo acumula un incremento da demanda hoteleira do 8,6% e rexistrou preto de 210.000 pernoctacións. O número total de viaxeiros que recibiu Lugo no mesmo período foi de 123.528.
A mellora dos niveis de demanda na cidade de Lugo prodúcese como consecuencia do crecemento experimentado tanto polo mercado nacional, que sobe un 5%, como sobre todo polo internacional, no que se produciu unha suba do 38,8%, a porcentaxe máis elevada dos destinos urbanos de Galicia.
En termos porcentuais, a cidade de Lugo lidera neste ano o incremento do turismo internacional en Galicia. 
O mercado nacional supón o 86% do total da demanda hoteleira da cidade neste período de once meses.
A ocupación hoteleira experimenta tamén unha mellora importante, superando en 3,1 puntos o nivel do pasado ano, para situarse no 33,8% de media para os hoteis e pensións da cidade.
Datos do mes de novembro
A cidade de Lugo rexistrou no mes de novembro unha mellora notable dos seus niveis de demanda hoteleira, superando nun 4,3% a cifra de viaxeiros aloxados en un 11,1% o nivel de pernoctacións do mesmo período do ano anterior.
Lugo é, xunto con A Coruña, o destino urbano de Galicia que presentou mellor comportamento no mes de novembro, superando en intensidade o crecemento rexistrado noutras cidades e destinos da comunidade.
O bo comportamento da demanda acontece como consecuencia do crecemento experimentado polos dous grandes segmentos de mercado. O turismo nacional, que representa o 92% do total da demanda, incrementouse en novembro nun 8,2% mentres que o internacional sobe un 59%, porcentaxes ambas referidas ás pernoctacións. Lugo foi o destino urbano de Galicia no que o mercado estranxeiro medrou neste mes con maior intensidade. 
En termos de viaxeiros, os incrementos son do 2,6% para o turismo nacional e do 28,8% para o internacional.

Multimedia

Noticias relacionadas