Lugo defende no Camiño Primitivo, "o camiño de todos", os dereitos humanos "de todos"

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, presidiu os actos conmemorativos deste día, que celebra o Concello por segundo ano consecutivo no marcos destes festexos, declarados de Interese Turístico Galego e Nacional

Con esta acción preténdese que os peregrinos coñezan e axuden á divulgación dos artigos de dereitos humanos. Ademais, con esta iniciativa o Camiño Primitivo terá maior visibilidade nos países americanos onde ten sede a fundación

Mércores, 11 de outubro de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lugo defende no Camiño Primitivo, "o camiño de todos", os dereitos humanos "de todos"

O San Froilán 2017 dedicou o Día do Camiño Primitivo a reivindicar os dereitos humanos. Fíxoo a través dunha iniciativa da Asociación de Solidariedade Internacional polos Dereitos Humanos, que impulsan a colocación de distintas placas de bronce, que recollan os 30 artigos da Declaración Universal dos Dereitos Humanos de 1948, nos municipios polos que atravesa esta vía de peregrinación, que o ano pasado recorreron máis de 12.000 peregrinos, sendo a cuarta vía máis concorrida, cifra que xa se superou nos primeiros nove meses deste ano.

 A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, presidiu os actos conmemorativos deste día, que celebra o Concello por segundo ano consecutivo no marcos destes festexos, declarados de Interese Turístico Galego e Nacional. Ás 11:00 horas, Lara Méndez recibiu na Casa Consistorial á presidenta e directora do colectivo impulsor da ruta dos Dereitos Humanos, Elizabeth Sánchez e Devorah Sasha, respectivamente; así como outras membros da Corporación Municipal, e a distintos rexedores dos municipios polos que atravesa esta ruta xacobea, José María Arias, Ángel Enrique Martínez, Jesús Carreira e Argelio Queipo. Tamén estivo presente o Alcalde de Santiago, Martiño Noriega.

Posteriormente, desprazáronse en comitiva, acompañados de dous gaiteiros, ata a Praza do Camiño, onde se colocou unha das placas, e logo recorreron o treito do Camiño de Santiago ata o centro museográfico de Porta Miñá. A partir de hoxe nestes puntos están expostos os artigos 20 e 21 da Declaración de Dereitos Humanos: teño dereito a reunirme libremente e teño dereito a participar en eleccións libres e xustas. Ata o día de hoxe están colocadas 15 placas.

Unha vez rematado o percorrido, as autoridades visitaron a carpa de actividades tradicionais no Cantiño Nemesio Cobreros, onde puideron contemplar obradoiros de gaitas, de percusión, de tear, restauración de instrumentos, pitos pastorís ou fiado de la. Para rematar a xornada, celebrouse unha comida de confraternidade nunha das casetas do polbo.

Durante a intervención, Lara Méndez agradeceulle á asociación por facer a Lugo partícipe nesta ruta. "Non entendemos mellor forma de visualizar os propios dereitos humanos que no Camiño Primitivo, un camiño que é de todos, que non entende de nacionalidades, que se amosa con todas as súas dificultades e que deixa entrever solidariedade, amizade e superación".

A rexedora aproveitou os actos conmemorativos para defender, con maiúsculas, os dereitos humanos, nun momento no que máis de 65 millóns de persoas ao ano se desprazan de xeito forzoso por mor de conflitos bélicos ou persecucións, ao tempo que insistiu en que as institucións debemos traballar e dar exemplo para que prevalezan, por riba de todo, os dereitos humanos, "os dereitos de todos".

Pola súa banda, o Alcalde de Santiago amosou o seu orgullo de participar tanto nunha festas tan sinaladas como as do San Froilán así como nun día tan especial como o dedicado ao Camiño Primitivo, "que deu razón de ser ao resto de camiños".

Ao longo do desenvolvemento do acto, lembrouse a Eleanor Roosevel, que naceu tal día como hoxe, un 11 de outubro de 1884, quen subliñou que "A paz e a seguridade da humanidade dependen do respecto mutuo dos dereitos e liberdades de todos".