Lugo acollerá esta fin de semana unha malla tradicional en plena Praza Maior da cidade

Venres, 10 de agosto de 2012
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O trigo, a cebada e o centeo que se usarán na malla foron cultivados nas parroquias de Castelo e Outeiro

Lugo vivirá esta fin de semana en pleno centro da cidade, na Praza Maior, unha malla coma as que ata non fai moito tempo se celebraban en todas as aldeas do rural galego. A iniciativa, que forma parte do programa Vellos Oficios Vivos, posto en marcha polo Concello de Lugo para as fins de semana dos meses de xullo, agosto e setembro, pretende recrear este sábado e domingo o ambiente festivo e de traballo desta vella tarefa agraria en colaboración coa Federación Rural Galega.

Os mollos de trigo, cebada e centeo, a malladora e a limpadora e o palleiro porán o ambiente dunha malla tradicional, na que non faltará tampouco a música. Ademais das demostracións en vivo que terán lugar o sábado e o domingo, durante todo o día haberá exposición de maquinaria e dos distintos aperos empregados tradicionalmente para a malla, así como exhibicións en directo doutros oficios rurais como o de rapador, o de ferreiro ou o de afiador.

O alcalde en funcións e responsable de Cultura e Turismo, o nacionalista Antón Bao, animou hoxe a participar a mozos e a maiores. “Seguro que a Praza Maior estará chea de avós e de netos, porque é unha malla para todos eles, para as persoas maiores, porque as viviron, e teñen a oportunidade de recordalas, e para os mozos e mozas, porque só as coñecen de oídas pero nunca tiveron a oportunidade de participar nunha”, afirmou Bao.

Bao destacou que a malla era “unha das tarefas máis importantes que se facían durante o ano nas nosas aldeas, porque dela saía parte do sustento familiar para todo o ano” e indicou que “con esta demostración en pleno centro de Lugo queremos recuperar a memoria histórica produtiva do rural galego”. O alcalde en funcións tamén puxo de relevo que o Concello de Lugo ten unha extensa zona rural, formada por 52 parroquias rurais, onde ata fai ben pouco eran habituais estas labores.

O sábado mallarase con mollos e o domingo cunha malladora de máis de 100 anos

Na presentación desta actividade, que tivo lugar esta mañá no Concello de Lugo, Lois Martínez Taboada, técnico da Federación Rural Galega, agradeceu a colaboración das distintas persoas e asociacións de distintos puntos da provincia de Lugo que de maneira desinteresada prestaron maquinaria ou aperos e que colaborarán para a realización da malla e detallou que o programa completa un importante abano de oficios rurais.

Así, o sábado pola mañá comezará cunha demostración dun rapador, Atilano, de Negueira de Muñiz, que rapará ovellas. A continuación será a malla do trigo con mallos, unha vella técnica empregada antes da chegada das malladoras a Galiza, que correrá a cargo da Asociación Cultural Santirso do Eo, de Santirso de Abres, adicada á recuperación das vellas tradicións rurais. Amenizarán estas tarefas alumnos da Tradescola coas súas zanfonas. Pola tarde, haberá demostracións dun ferreiro, Vítor Uriz, de Guntín, e Luís O Caruncho interpretará cantares de cego.

O domingo será o día da malla coa malladora, que comezará ás 12 e media da mañá. Empregarase para a malla unha malladora de máis de 100 anos, de fabricación suíza, grazas á colaboración dos veciños da parroquia de Trapa, na Fonsagrada. Lois Martínez explicou que a chegada das malladoras a Galiza, fai uns 150 anos, “axudou a sentar as bases do cooperativismo agrario galego, porque eran caras e había que mercalas en conxunto por parte dos veciños dunha parroquia, por exemplo”. A música correrá a cargo o domingo dos gaiteiros da agrupación Berros do Castro e o actor Pepe Penabade fará unha demostración do oficio de afiador.

Despois de mallar, farase o palleiro, que quedará, ao igual que a maquinaria, toda a tarde na Praza Maior para que o poida contemplar o público. Pola tarde haberá tamén un taller de instrumentos musicais con noces a cargo de Xoán Manuel Tubío.

Trigo de Castelo e cebada e centeo de Outeiro

Lois Martínez explicou que o cereal que se empregará na malla foi colleitado todo na zona rural do Concello de Lugo. Concretamente o trigo foi cultivado no lugar de Coside, na parroquia de Castelo. Trátase de trigo do país, pertencente á variedade de trigo callobre, de ciclo longo, que foi botado no mes de novembro e segado a semana pasada. É unha das variedades de trigo autóctono que se está pretendendo recuperar a través dun proxecto piloto entre a Universidade e o Centro de experimentación agraria de Mabegondo. Esta variedade, máis resistente, é de aspecto máis escuro e ten rendementos produtivos máis baixos, pero dá moi boa calidade á hora de facer o pan.

Tamén se mallará cebada e centeo, plantada na parroquia de San Salvador de Outeiro. A ferramenta que se empregará procede de distintas parroquias do Concello, como Castelo, Outeiro ou Romeán.

Multimedia

Noticias relacionadas