Librarías e escolas de música únense para celebrar os trinta anos da Feira do Libro de Lugo

Venres, 11 de maio de 2012
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Por vez primeira, a Feira estará amenizada coas actuacións dos alumnos de todas as escolas de música lucenses 

Presentacións de libros, obradoiros para nenos e coloquios de escritores  completan o programa 

Lugo prepárase para un maio cunha interesante actividade cultural, e hoxe presentouse unha das citas máis tradicionais da primavera, o programa da Feira do Libro de Lugo, que cumpre os trinta anos.

Tres décadas achegando ao público lucense as novidades literarias e, sobre todo, ofrecendo ese particular asesoramento que caracteriza aos libreiros que aman a súa profesión.  

O programa de actividades foi presentado polo Tenente de Alcalde e responsable da Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Antón Bao, o Xefe Territorial da Consellería de Cultura e Educación, Jesús Ramos Lledo, o Coordinador da Federación de Libreiros de Galicia, Antonio Fernández Maira, e a Directora Técnica da Feira do Libro, Ana Isabel López Fandiño. Unha das novidades desta trixésima edición é a participación das escolas de música lucenses que amenizarán a feira a diario con concertos e espectáculos de danza, polo que estiveron presentes varios representantes destas.

O edil nacionalista aproveitou a ocasión para agradecer dun xeito moi especial a todos os alumnos e os profesores das escolas de música de Lugo por volcarse neste proxecto, “que vai ser unha oportunidade extraordinaria para que os lucenses coñezamos o seu traballo”, segundo sinalou Bao. O edil engadiu que “esta participación é froito da vontade de abrir os acontecementos culturais a todas as asociacións e institucións, co que se enriquece a vida da nosa cidade e acadamos entre todos unha cultura aberta e participativa”.

Tanto o concelleiro como os dous organizadores, coincidiron en felicitarse pola “boa saúde da Feira do Libro de Lugo” e amosaron a súa satisfacción por cumprir trinta anos, ao longo dos que se superaron cambios de nomes e datas, ata que se consolidou no mes de maio e vinculada a celebración do Día das Letras Galegas, tal e como explicou Fernández Maira, que coordina esta feira dende a primeira edición. Facendo memoria, lembrou que “todos os pregoeiros foron escritores lucenses, excepto nunha ocasión que foi convidado Xavier Alcalá”. Seguindo esta tradición, este ano, será Antonio Reigosa o responsable do pregón de apertura o día 15 de maio ás 11:30 horas.

A Praza Maior será, entre o 15 de 20 de maio, o emprazamento para esta xuntanza coa mellor literatura e os volumes de divulgación. O seu horario de apertura é de 12:00 a 14:00 horas; polas tardes, de 17:30 a 21:00 horas; e fins de semana e festivos, de 12:00 a 14:30 e de 17:30 a 21:00 horas.

Fernández Maira destacou que son un total de doce postos acollen a expositores de Lugo e doutras cidades galegas como son: Libraría Trama (Lugo); Gran Enciclopedia Galega; Librería Cartabón (Vigo); Libraría Tanxencias Cómic; Deputación Provincial; Biblioteca Pública; Libraría Souto (Lugo); Libraría El Faro de los Tres Mundos (Lugo); Librería La Voz de la Verdad (Lugo); 7 Mares Libros e Librería Aguirre (Lugo). Son dous casetas máis que o ano pasado, o que “é un síntoma da fortaleza da feira de Lugo”.

Vai ser unha feira moi dinámica e cada día haberá distintas actividades abertas a todo o público como presentacións de libros, coloquios de escritores e obradoiros para nenos. Ademais, pecharase cada xornada cun sorteo de libros. A directora da feira convidou a lucenses e a turistas a visitar os postos e a participar nas actividades programadas.

A Federación de Libreiros de Galicia, co patrocinio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, organiza a xeira de feiras do libro. Na cita luguesa colaboran o Concello de Lugo, Vicepresidencia da Deputación Provincial; Centro de Música Autorizado de Fingoi; Escola de Música Tradescola; Conservatorio Profesional de Danza; Escola Profesional de Música Cantarela, de Galén; Conservatorio Profesional de Música de Lugo; Escola de Música Aulos; Centro de Ensinanza Musical Rossini; e Escola de Música Fábrica de Sons.

PROGRAMA DE ACTIVIDADES FEIRA DO LIBRO DE LUGO 2012

Día 15. Martes
11.30 Apertura da feira do libro.
18.30 Concerto dos alumnos da Escola Profesional de Música de Fingoi.
19.45 Inauguración oficial.
Actuación dos alumnos de gaita e percusión de Tradescola
Pregón inaugural a cargo do escritor lucense Antonio Reigosa
Actuación dos alumnos de Tradescola.
20.45 Sorteo dun lote de libros.

Día 16. Mércores
18.00 Espectáculo a cargo das alumnas de grao profesional de danza contemporánea do Conservatorio Profesional de Danza.
18.30 Concerto dos alumnos da Escola Profesional de Música Cantarela de GALÉN.
19.00 Valentín Paz Andrade na feira de Lugo. Lectura de textos do autor a cargo de Marina Cillero, a escritora e profesora universitaria Carmen Blanco, a directora do Museo Provincial, Amelia Balseiro, e a xornalista radiofónica Tonina Gay. O acto estará coordinado por Ángeles Fernández Maira, xornalista de El Progreso.
20.00 Combo de jazz do Conservatorio Profesional de Música de Lugo.
20.45 Sorteo dun lote de libros.

Día 17. Xoves

12.30 Presentación dos libros de contos A comer, de Cristina F., cun obradoiro de letras galegas con masa de pan, para nenos de 3 a 10 anos.
18.00 Concerto dos alumnos da Escola de Música Aulos.
19.00 Presentación dos libros Os fillos do mar, de Pedro Feijóo e O misterioso Doutor Saa, de Xosé Díaz Díaz e Belén Fernández Guzmán, publicados por Edicións Xerais. Xunto cos autores, participará no acto Manuel Bragado Rodríguez, director xeral da editorial. Ao remate da presentación, os escritores asinarán exemplares dos seus libros.
20.30 Actuación da banda de grao elemental do Conservatorio Profesional de Música de Lugo
20.45 Sorteo dun lote de libros.

Día 18. Venres
18.00 Concerto dos alumnos do Centro de Estudos Musicais Rossini.
19.00 A escritora María Luisa Prado Sarasúa asinará exemplares do libro La sombra del ámbar, publicado por KRK Ediciones.
20.00 Presentación do libro Hotel Cidade Sur, de Xerardo Quintiá, publicado por Editorial Galaxia.
20.45 Sorteo dun lote de libros.

Día 19. Sábado
12.00 Gerónimo Stillton, o máis famoso rato detective da literatura infantil, estará na feira do libro de Lugo para asinar exemplares dos seus libros, publicados pola editorial Planeta.
13.00 Aprende a xogar ao milenario xogo do TANGRAM CHINO. Obradoiro realizado pola libraría El Faro de los Tres Mundos.
18.00 Concerto dos alumnos da escola de música Fábrica de Sons, de Lugo.
19.00 Presentación dos libros Medievalario, de Fran Zabaleta, e Mi padre comía botones, de Javier Sacha Full, editado por Redelibros. Participarán no acto os autores e un representante da editorial.
20.00 Segredos da novela histórica. Charla coloquio de autores de novela histórica, coa participación de Xosé Miranda (autor de Morning Star, Ed. Xerais) e Fran Zabaleta (autor de Medievalario, Redelibros).
20.45 Sorteo dun lote de libros.

Día 20. Domingo
12.30 Presentación da colección Cociña infantil e familiar, da editorial Ouvirmos, con cursos de cociña para nenos nos seguintes horarios:
Mañá, de 12.30 a 14.00 horas. Tarde: de 17.30 a 19 horas.
20.45 Sorteo dun lote de libros
21.00 Peche da Feira do Libro.

COLABORADORES

• Concello de Lugo
• Deputación Provincial de Lugo. Vicepresidencia.
• Centro de Música Autorizado de Fingoi.
• Escola de Música Tradescola.
• Conservatorio Profesional de Danza
• Escola Profesional de Música Cantarela, de Galén
• Conservatorio Profesional de Música de Lugo
• Escola de Música Aulos
• Centro de Ensinanza Musical Rossini
• Escola de Música Fábrica de Sons

RELACIÓN DE PARTICIPANTES

• Libraría Trama. Lugo.
• Gran Enciclopedia Galega.
• Librería Cartabón. Vigo.
• Libraría Tanxencias Cómic
• Deputación Provincial.
• Secretaría e Información.
• Biblioteca Pública
• Libraría Souto. Lugo.
• Libraría El Faro de los Tres Mundos. Lugo
• Librería La Voz de la Verdad. Lugo.
• 7 Mares Libros. A Coruña
• Librería Aguirre. Lugo
 

Multimedia

Noticias relacionadas