Lara Méndez pregoa a XXX Feira do Queixo do Cebreiro, que estrea distinción de Festa de Interese Turístico Galego

A Alcaldesa subliñou a importancia deste recoñecemento, “máis que merecido, que reforzará a proxección de Pedrafita e do seu queixo, e que marcará un antes e un despois na historia desta festa”

Venres, 25 de marzo de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez pregoa a XXX Feira do Queixo do Cebreiro, que estrea distinción de Festa de Interese Turístico Galego

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, ofreceu este venres no recinto feiral de Pedrafita do Cebreiro o pregón da XXX Festa do Queixo do Cebreiro, que nesta edición estrea o recoñecemento de Festa de Interese Turístico Galego, “unha distinción máis que merecida que reforzará a proxección de Pedrafita e do seu queixo, e que marcará  un antes e un despois na historia desta festa, que hoxe xa supón un impulso fundamental para o desenvolvemento socioeconómico da comarca da Montaña”, tal e como subliñou a rexedora, quen felicitou á Denominación de Orixe, aos produtores, ao Concello e a toda a veciñanza por este recoñecemento.

Méndez puxo en valor o enorme potencial turístico que comparten Lugo e Pedrafita, baseado no patrimonio, na historia, na cultura, na natureza e na gastronomía, e a aposta de ambos municipios por aproveitalo para crear emprego e actividade económica, ao tempo que louvou a capacidade de Pedrafita do Cebreiro para reiventarse e impulsar iniciativas que xeren riqueza para o territorio.

Neste senso, a rexedora fixo fincapé nos séculos de  historia e na tradición do Queixo do Cebreiro e destacou as peculiaridades deste produto branco, amparado coa Denominación de Orixe Protexida dende o 2008, así como as oportunidades laborais que ofrece a elaboración artesanal con produtos naturais e á comercialización deste produto.

100 expositores

No evento gastronómico que tivo lugar esta mañá, tanto no recinto feiral como na Casa da Cultural, no que na pasadas edicións se chegaron a vender unha media de 2.000 unidades de queixo, cun volume de negocio de 6.000 euros, participaron ao redor de 100 expositores. O recinto estivo ambientado pola música e o baile da Charanga Madialeva e a Asociación Cultural local “Xistra”.
O queixo do Cebreiro está elaborado con leite de vacún e a súa de zona de produción comprende os concellos de Pedrafita, O Courel, Cervantes, Triacastela, As Nogais, Navia de Suarna, Becerreá, Baralla, Baleira, Castroverde, A Fonsagrada, Láncara e Samos. Os produtores de Pedrafita que están acollidos a esta Denominación de Orixe son, Castelo de Brañas, Santo André, Marques de Cernadas e Fonchave, e este ano daranse de alta dúas queixeiras máis.

Documento

Noticias relacionadas