Lara Méndez cumpre coa palabra dada e abre o aparcadoiro público e gratuíto do HULA, "con gran rendibilidade social"

A Alcaldesa inaugurou este recinto, con capacidade para 363 vehículos, no que o Goberno investiu 119.000 euros

Esta actuación "permítenos seguir avanzando no modelo de cidade que queremos", un Lugo máis agradable, cómodo, accesible e integrador. Ademais, o Goberno mantén de novo a prioridade de investir nas persoas

A rexedora demandoulle á Xunta reducir as tarifas do parking ou habilitar prazas públicas, "entendendo que a xente ao HULA vén por necesidade" e dado que existe un acordo unánime do pleno ao respecto

Intensificarase, cun operativo diario, a vixilancia da Policía Local na contorna, co obxectivo de disuadir a presenza de aparcacoches. Ademais, o Goberno traballa na elaboración dun bando para tentar paliar esta situación

Con esta actuación e a reordenación de prazas, o equipo de Lara Méndez creou 513 novas prazas de balde na contorna do hospital

Luns, 29 de outubro de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez cumpre coa palabra dada e abre o aparcadoiro público e gratuíto do HULA, "con gran rentabilidade social"

As persoas usuarias do HULA teñen dende hoxe unha opción máis, e gratuíta, para aparcar os seus vehículos. A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, inaugurou esta mañá o novo aparcadoiro municipal do Concello, un recinto situado a carón das instalacións sanitarias, con capacidade para 363 automóbiles; no que o Goberno investiu 119.000 euros. O Voceiro Municipal, Miguel Fernández, o Concelleiro de Educación e Infraestruturas Urbanas, Manuel Núñez, e a Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana Abelleira, xunto a uns 50 veciños e veciñas non quixeron perderse esta apertura, que a propia rexedora cualificou como "gran noticia para Lugo".

Durante o acto, a Alcaldesa explicou que o Goberno abre este espazo, 5 meses despois da súa licitación, reconvertido nun novo equipamento de uso social. "Cando executamos equipamentos públicos nunca buscamos rendibilidade económica, buscamos rendibilidade social", subliñou a rexedora; quen lembrou que se nos servizos se cambia esa rendibilidade social pola económica se perxudicaría á cidadanía; e o Goberno de Lugo, ao contrario que as dereitas, desenvolve actuacións en termos sociais.

Os novos equipamentos, como este aparcadoiro, "permítenos seguir avanzando no modelo de cidade que queremos", un Lugo máis agradable, cómodo, accesible e integrador. Ademais, o Goberno mantén de novo a prioridade de investir nas persoas.

O Goberno cumpre coa palabra dada á veciñanza

Con esta apertura do aparcadoiro, o Goberno cumpre coa palabra dada aos veciños e veciñas. Pola súa contra, a Xunta de Galicia continúa coas elevadas tarifas do parking privado, e iso a pesar de que existe un acordo plenario unánime ao respecto e cando os terreos nos que se sitúan foron adquiridos por todos e cada un dos veciños e veciñas de Lugo ao Ministerio de Defensa. Nesta liña, Lara Méndez demandoulle á administración autonómica prazas públicas "entendendo que a xente ao HULA vén por necesidade".

Intensificación da vixilancia e bando

A Alcaldesa tamén aproveitou para anunciar que, ante a apertura deste novo aparcadoiro público, intensificarase a vixilancia da Policía Local na contorna, cun operativo diario nos primeiros meses, co obxectivo de disuadir a presenza de aparcacoches. Ademais, avanzou que se traballa na elaboración dun bando para tentar paliar esta situación, para que a xente poida facer uso e disfrute destas prazas públicas sen acometerse procedementos ilícitos por parte dos aparcacoches.

As obras

As obras consistiron no movemento de terras, explanación e nivelación do terreo, que se cubriu con xabre, e a instalación dun peche perimental vexetal de tulla. Ademais, protexeuse a mámoa cun peche de madeira, formado por postes  verticais unidos por elementos horizontais tamén de madeira, formando dúas barandillas a distintas alturas, a 5 metros de distancia dos restos arqueolóxicos. As actuacións tamén contemplaron un control arqueolóxico na parcela.

Máis de 500 prazas de balde na contorna

Este novo aparcadoiro público e gratuíto en fronte ao HULA complementa a ampliación das prazas que xa fixo o equipo de Lara Méndez no 2016 coa reordenación do estacionamento na estrada que circunda o centro hospitalario. Con ambas actuacións, creáronse no que vai de mandato 513 novas prazas de balde, o que contribúe a paliar os problemas de aparcamento que se encontran as persoas que acuden ao hospital, entre 3.000 e 4.000 ao día.

Audio

  • Lara Méndez, sobre o aparcadoiro público e gratuíto do HULA | Descargar mp3

Multimedia

  • Lara Méndez cumpre coa palabra dada e abre o aparcadoiro público e gratuíto do HULA, "con gran rentabilidade social"

Noticias relacionadas