A gala benéfica de Achádego Teatro, coa que colabora o Concello, recadará fondos este sábado para os afectados polos lumes

Será a partir das 19:30 horas no Auditorio Municipal Gustavo Freire. As entradas pódense mercar tanto ás e aos compoñentes de Achádego como no propio auditorio, dende unha hora antes da función, por un prezo de 5 euros

Basadre convidou á sociedade luguesa a achegarse a pasalo ben con esta representación teatral ao tempo que se ten un xesto solidario con outros veciños e veciñas que o pasaron mal ao perder as súas pertenzas nos lumes, "que devastaron ademais un patrimonio que é de todos, o medio ambiente"

Xoves, 30 de novembro de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A gala benéfica de Achádego Teatro, coa que colabora o Concello, recadará fondos este sábado para os afectados polos lumes

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción de Cultura, Carmen Basadre, avanzou, xunto á directora de Achádego Teatro, Tareixa Campo, a celebración dunha gala benéfica, este sábado, 2 de decembro, a partir das 19:30 horas, no Auditorio Municipal Gustavo Freire.

Carmen Basadre felicitou ao grupo teatral polo seu 39 aniversario, que o celebrará, un ano máis, cunha nova función de teatro solidaria, que neste caso recadará fondos para as persoas afectadas polos últimos lumes. Nesta liña, a edil convidou á sociedade luguesa a achegarse o sábado ao auditorio municipal a pasalo ben con esta representación teatral ao tempo que se ten un xesto solidario con outros veciños e veciñas que o pasaron mal ao perder as súas pertenzas nos lumes, "que devastaron ademais un patrimonio que é de todos e todas, o medio ambiente".

Pola súa banda, Tareixa Campo agradeceulle ao Concello que sempre lle abra as súas portas para poder levar a cabo funcións solidarias, ao tempo que anunciou que se trata dunha montaxe en clave de humor, que baixo o nome Opino de que, versará sobre as tertulias radiofónicas. Concretamente será unha comedia satírica sobre as catro tertulias que terán lugar na emisora ficticia Lucus Radio, que dedica o seu tempo a debater temas de actualidade municipal. O texto está escrito por Lourdes Abuide e Anxo Manoel Lamelo, baixo a dirección de Antón Sampaio.

As entradas pódense mercar tanto aos e ás compoñentes de Achádego Teatro, como no propio auditorio municipal, dende unha hora antes da función, por un prezo de 5 euros.

Audio

  • Carmen Basadre, sobre a gala benéfica de Achádego | Descargar mp3

Noticias relacionadas