A deportividade e a solidariedade volven saír á rúa coa XIII Carreira Popular Lugo Monumental

Carmen Basadre presentou esta proba deportiva que se celebrará o vindeiro 13 de decembro polas rúas de Lugo. A saída deste evento deportivo terá lugar ás 12:00 horas na Ronda da Muralla, fronte á Mosqueira

Paralelamente á saída da a XIII Carreira Popular Lugo Monumental, haberá unha Marcha solidaria contra o cancro e previamente a esta carreira terán lugar as probas dos máis cativos

Todos os interesados en participar poden inscribirse dende mañá sábado, 21 de novembro ao martes 8 de decembro en www.championchipnorte.com

Venres, 20 de novembro de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Presentación da XXIII Carreira Popular Lugo Monumental

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, presentou este venres a XIII Carreira Popular Lugo Monumental, que terá lugar o vindeiro 13 de decembro polas rúas de Lugo. Ao acto tamén asistiu o delegado de Viesgo en Lugo, Luis Santalla, e representantes do grupo El Progreso, Noroeste de Iberianpartners e a Asociación Española Contra o Cancro, Luis Barrio, Raúl Centelles e Rosa Zas, respectivamente, todos eles patrocinadores deste evento deportivo.

Durante o acto de presentación, Basadre fixo fincapé no éxito desta proba, unha cita deportiva de referencia na cidade, cunha notable acollida por parte dos deportistas lucenses e galegos. A Concelleira, quen subliñou a importancia deste tipo de eventos para os amantes do atletismo, aproveitou para animar aos lucenses a participar nesta carreira, que aspira a reunir en Lugo a máis de 1.800 atletas adultos.

Recorrido

A saída desta proba terá lugar ás 12:00 horas na Ronda da Muralla, fronte á Mosqueira, e terá unha distancia aproximada de 10 quilómetros. O recorrido é o seguinte: Ronda da Muralla, rúa do Teatro, Santo Domingo, rúa da Raíña –paso por liña de meta-, Praza Maior, Bispo Aguirre, rúa Vilalba, Avenida Ramón Ferreiro, rúa Pintor Corredoira, Anxo López Pérez, Ronda da Muralla, rúa Recatelo, Ribadeo, Xeral Tella, Praza de Avilés, Doutor Portela, Avenida Rodríguez Mourelo, Ramón Ferreiro, Pintor Corredoira, Avenida Ramón Ferreiro, Anxo López Pérez, praza da Constitución e ronda da Muralla ata a Porta de Santiago, onde os corredores subirán ao adarve da Muralla pola rampa fronte á Catedral para afrontar unha volta polo adarve ata chegar de novo á rampa, onde os corredores baixarán cara á praza Pío XII, rúa Bo Xesús, praza Santa María, Alférez Provisional, Praza Maior e chegada á meta situada ao carón da Casa do Concello.

Estableceranse controis de cronometraxe de chip por todo o percorrido co fin de verificar que todos os atletas percorren a totalidade do circuíto coa novidade este ano do seguimento en vivo de cada un dos atletas mediante a conexión a aplicación de Championchipnorte.

Para a XIII Carreira Popular Lugo Monumental establécense 6 categorías masculinas e 6 femininas, categoría E para os nados entre 1994 e 2000, cateogría F, para os nados entre 1980 e 1993; categoría G, nados entre 1970 e 1979, categoría H, nados entre 1960 e 1969; cateogría I, nados entre 1950 e 1959 e categoría J, na dos entre 1949 e anteriores.

Probas deportivas para os máis cativos

Previamente a esta carreira terán lugar as probas dos máis cativos. Para a cateogría dos nenos e nenas nados en 2010 e 2011, a saída desta proba non competitiva será ás 11:00 horas da rúa Vilalba e correrán 370 metros. O punto de partida para os nados en entre o 2007 e o 2009 (categoría A); 2004 e 2006 (categoría B) e 2001 e 2003 (categoría C) será a Ronda da Muralla, que acollerá a saída destas categorías ás 11:10, 11:20 e 11:30 respectivamente. A distancia será de 700 metros para a categoría A, 1.100 para a B e 1.500 para a C. O 1º clasificado destas tres categorías recibirá un trofeo, e o 2º e o 3º unha medalla.

Marcha solidaria contra o cancro

Paralelamente á saída da a XIII Carreira Popular Lugo Monumental, haberá unha Marcha solidaria contra o cancro, para todas aquelas persoas que previamente se apuntaron coa súa doazón de 1 euro, coincidindo co inicio da proba e percorrendo a distancia que vai da saída ao primeiro paso por meta.

Inscricións

Todos os interesados en participar poden inscribirse dende mañá sábado, 21 de novembro, ao martes 8 de decembro en www.championchipnorte.com. Inscricións limitadas a 1.800 atletas.

Dende a apertura das inscricións haberá distintos tramos de prezos en  fucnión da data de inscrición, do 21 ao 30, 3,6 euros, do 1 ao 6 de decembro, 6 euros e o 7 e 8, 10 euros. A estas cantidades hai que sumarlle 2 euros do aluguer do chip amarelo.

Os dorsais e chips de cronometraxe e o dorsal solidario entregaranse o día anterior da proba, 12 de decembro, na carpa da organización, situada na parte traseira da Casa do Concello en horario de 16:30 ás 20:30 horas. Os resultados publicaranse no diario como na we de El Progreso e en www.championchipnorte.com.

Haberá trofeos para o primeiro, segundo e terceiro clasificado da carreira absoluta masculina, e un trofeo e medallas, para o 1º, 2º e 3º das categorías de adultos. O primeiro participante en pasar pola meta voante recibirá un agasallo. Tamén se entregará un trofeo para a mellora da marca Volta á Muralla, tanto na categoría masculina como feminina. O trofeo VIESGO entregarase ao atleta máis veterano masculino e á máis veterana feminina.

Multimedia

  • Presentación da XXIII Carreira Popular Lugo Monumental

Noticias relacionadas