Concello e Deputación colaboran na 18ª Feira do San Isidro da Milagrosa que se celebra esta fin de semana na praza Agro do Rolo

A maior feira urbana de Galicia reunirá entre o 15 e o 17 de maio a 110 produtores e artesáns procedentes de toda Galicia, Asturias, Cantabria, Teruel e Portugal

Feiras gastronómicas dedicadas á rosquilla, á mazá asada e ao chourizo á grella; actuacións musicais e a entrega dos galardóns José Carballido aos mellores stands son algúns dos actos previstos

Martes, 12 de maio de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Imaxe da presentación

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre; a Vicepresidenta Segunda da Deputación, Lara Méndez; a Deputada de Artesanía e Deseño, Regina Polín; o presidente e secretario da Asociación de Veciños, Comerciantes e Industriais da Milagrosa, Jesús Vázquez e Luis Abel, respectivamente; e o xerente da Feira de Produtos do Campo e da Artesanía San Isidro, Constantino Casanova, presentaron hoxe unha nova edición do evento que se celebrará entre os días 15 e 17 de maio.

Carmen Basadre destacou o carácter do barrio da Milagrosa, unha zona dinámica na que coexiste o máis moderno co máis tradicional, do que é exemplo esta tradicional feira que chega este ano á súa maioría de idade xa que esta fin de semana celebrase na Praza do Agro do Rolo a decimo oitava edición da Feira do San Isidro.

O Concello e a Deputación colaboran un ano máis con esta cita, que supón un escaparate para a promoción do mellor dos produtos autóctonos de calidade da provincia.

Lara Méndez destacou que o San Isidro da Milagrosa é “a maior feira urbana de Galicia, pola cantidade e calidade dos profesionais presentes, así como polo número de visitantes, unha media de 4.000 diarios”.

Así mesmo, quixo agradecer á Asociación de Veciños, Comerciantes e Industriais da Milagrosa, organizadores da cita, polo seu esforzo por dinamizar a vida lucense.

Humanización da Praza Agro do Rolo

 Méndez tamén avanzou que a Deputación instalará elementos ornamentais na praza Agro do Rolo, escenario do evento, encamiñados á humanización da contorna. Trátase dunha actuación encamiñada a dar resposta ás peticións feitas polos veciños durante as xuntanzas dos Orzamentos Participativos 2015, que a Deputación ten que executar durante este ano.

Os lucenses, en particular os residentes no barrio lucense da Milagrosa, manifestaron durante esas xuntanzas unha vella demanda, a de humanizar a contorna desta praza luguesa ao tempo que se reivindica o pasado do barrio, tal e como destacou Regina Polín, Deputada de Deseño e Artesanía.

Esta humanización comezará coa apertura dun concurso de ideas, no que poderán participar artesáns da provincia, a título individual ou de xeito conxunto, presentando os seus proxectos de escultura. Estes terán que estar inspirados no pasado desta zona, agora integrada na capital luguesa: un pasado eminentemente agrícola e gandeiro, do que a celebración do San Isidro contribúe a rememorar.

Máis de 100 expositores

Jesús Vázquez deu conta polo miúdo dos detalles da feira, que contará con 110 expositores –aos que hai que sumar os 10 que quedaron en lista de agarda-, superando así o número de participantes presentes noutras edicións.

Os lucenses poderán adquirir, pois, produtos coma queixo do Cebreiro; viños da Ribeira Sacra; embutidos da Comarca de Sarria e da Montaña; mel de Sober, ou pan de Antas, entre outros. Xunto cos produtores lucenses tamén volverán estar presentes, coma en anteriores ocasións, outros procedentes de diferentes puntos de Galicia e doutras Comunidades, coma Asturias, Castela León, Asturias, Cantabria ou mesmo doutros países, coma Portugal.

Ademais de produtos agroalimentarios, tamén haberá exposición e venda de pezas de artesanía de madeira, de coiro, de metal, etc.; de pequena maquinaria agrícola; de árbores froiteiras e plantas, ou de pezas téxtiles, e os asistentes poderán tomar parte nas festas gastronómicas previstas para os tres días do evento, así como observar os traballos en vivo de artesáns torneiros; canteiros; oleiros ou ferreiros e ducias de actuacións de conxuntos de música folclórica que amenizarán o ambiente.

As actividades comezarán o día 15 de maio ás 20:00 horas, coa lectura de pregón a cargo do Vicerreitor do Campus de Lugo, Javier Bueno, a inauguración do recinto feiral e a primeira das festas gastronómicas, a da rosquilla, durante a que se distribuirán máis de 1.000 pezas entre os asistentes.

O 16 de maio será o día da festa gastronómica do chourizo á grella, na que se repartirán máis de 2.000 destes embutidos, e o 17 a da mazá asada, co reparto de máis de 800 froitas. Ese mesmo día, a última hora da tarde, os actos culminarán coa entrega dos galardóns José Carballido aos 12 mellores stands da feira.

Noticias relacionadas