Concello e Deputación apoian novamente ó comercio lucense na 4ª Feira Outlet, que ofrecerá descontos de ata o 80%

Venres, 11 de outubro de 2013
Fonte: 
Gabinete de Prensa

30 negocios da cidade porán á venda os seus stocks de zapatería, confección, complementos, mercería, xoiería, bisutería, óptica, droguería, pel ou decoración con descontos de ata o 80%

A feira estará aberta dende o domingo 13 ata o martes 15 de outubro na praza Anxo Fernández Gómez, na mesma carpa onde estivo instalado o Artesanfroilán

A Concelleira de Cultura, Turismo e Xuventude, Carmen Basadre; a Deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín, e a Presidenta da Asociación de Autónomas, Empresarias e Profesionais de Lugo, Nora Real, presentaron unha nova edición da Feira Outlet, que abrirá as súas portas na praza de Anxo Fernández Gómez, situada tras o Consistorio lugués o día 13 de outubro. Trátase da xa tradicional cita que reúne a comerciantes da cidade para poñer á venda centos de variados produtos de stock ofrecendo importantes descontos.

Carmen Basadre, destacou que a Feira Outlet “é unha boa oportunidade para as persoas que queiran mercar artigos de calidade a bon prezo” e insistiu no traballo que desenvolven dende a Asociación de Autónomas para dinamizar o comercio na cidade.

Pola súa parte, Regina Polín manifestou que “é fundamental que dende as administracións se apoien iniciativas coma esta, que dun xeito moi rendible, posto que un ano máis reutilizaremos as instalacións preparadas para o Artesanfroilán, supoñen un forte impulso para a actividade de Pemes e autónomos”. A boa marcha das edicións anteriores, nas que os organizadores cifraron uns beneficios medios de 3.500 euros por comerciante, “supoñen un claro exemplo da importancia destas pequenas accións de apoio a un sector que, coma outros, tamén está atravesando momentos difíciles”, destacou a Deputada.

O peche de negocios non só na cidade, senón en toda a provincia de Lugo, é un feito, de aí que “dende a Deputación directamente e a través da Fundación TIC, sempre estemos dispostos a colabroar con esta ou con claquera outra iniciativa encamiñada a dar algo de aire ós emprendedores”

Pola súa banda, A Presidenta das Autónomas lucenses aproveitou para agradecer a colaboración que prestan Concello e Deputación ás iniciativas que pón en marcha a asociación que ela preside.

Descontos de ata o 80%

30 comerciantes lucenses estarán presentes este ano na Feira Outlet nesta ocasión. Este porán á venda centos de variados produtos de sotck destacadas de marcas a prezos considerablemente reducidos.

Artigos de zapatería, téxtil, xoieiría, mercería, óptica, droguería, lencería, fogar, pel, complementos ou agasallos serán algunha das mercadorías que se poderán mercar con descontos dun 50% a un 80%.

Días e horarios de apertura

A Feira Outlet quedará aberta na carpa instalada na Praza de Anxo Fernández Gómez, situada tras a Casa do Concello lucense dende o domingo 13 ata o vindeiro día 15 de outubro, en horario ininterrompido de 12:00 a 21:00 horas o domingo, e de 10:30 a 14:00 horas e de 17:00 a 21:00 horas o luns e o martes.

Noticias relacionadas