A Concelleira de Educación presentou a Guía Educativa do vindeiro curso

Martes, 13 de novembro de 2007
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira de Educación, María Dolores Vieiro, presentou a Guía Educativa do vindeiro curso escolar 2007-2008, da que se editaron 600 exemplares que se enviarán ós distintos centros educativos, ás asociacións de nais e pais, ás asociacións socioculturais e bibliotecas de Lugo.

Vieiro explicou que "esta guía se fai para que os cidadáns teñan conñecemento das actividades programadas e, ademáis, para cumplir coa condición de Lugo como parte da Asociación Internacional de Cidades Educadoras (AICE), da que forma parte dende o ano 2000".

A Concelleira destacou a continuidade do programa Escola Aberta que contempla a apertura das escolas dende as 7:30 horas ata ás 18:00 horas. Vieiro anunciou que "no vindeiro curso dúas escolas, o CEIP Menendez Pelayo e o CEIP de Albeiros, contarán co seu propio comedor escolar".

As actividades educativas, culturais e deportivas que se desenvolven nos centros educativos en horario extraescolar están recollidas na guía, así como o programa de Educación viaria, os Hortos na escola, Arqueoloxía na escola, Aprendemos sobre o río, teatro en inglés ou o Goberno infantil.

A guía presenta tamén actividades dirixidas ó público xeral como o Xadrez para todos, actividades para o profesorado e ós pais e nais.

Outras Concellerías

A oferta de actividades recollidas nesta guía inclúe aquelas ofertadas por outras Concellerías en materia educativa. A Concellería de Servizos Xerais aposta por unha alimentación saudable coas campañas de Almorzos saudables e Non só comas, aliméntate para previr a anorexia e a bulimia. Esta Concellería ademais, fai un esforzo por acercar as novas tecnoloxías á educación co Proxecto Abred, a un clic da escola, Familias Dixitais ou a Aula Multimedia do Castiñeiro.

En canto as propostas da Concellería de Medio Ambiente, céntranse na concienciación dos máis novos coa necesidade de conservación da naturaza. Así propón talleres sobre o desenvolvemento sostible ou contos didácticos dedicados á recollida de excrementos nas rúas.

Para fomentar a actividade física e deportiva entre os máis pequenos a Concellería de Deportes organiza as escolas deportivas municipais, o programa Elixe a túa noite e as escolas deportivas de verán.

Pola súa banda, a Concellería de Muller e Servizos Sociais fai un especial esforzo nas actividades relativas á prevención das drogodependencias, e a Concellería de Xuventude efectuará radares xuvenís para coñecer as inquedanzas dos máis novos, e continuará co Censo de Grupos Musicais, o Arde Lucus e o Muralla, Rock e Motos entre outras actividades.

A Concelleira de Educación destacou que nesta ocasión se inclúen por primeira vez actividades organizadas dende a Concellería de Economía e Emprego, como xogos para familiarizar ós alumnos con conceptos empresariais e promover entre eles a idea do emprendemento empresarial. Unha iniciativa recollida tamén no programa electoral do Grupo de Goberno.