Carmen Basadre presentou o XIX Festival Internacional de Teatro Universitario que este ano trae a Lugo 5 compañías e 4 proxectos de arte dramática

Venres, 01 de marzo de 2013
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, acompañada polo vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Pedro García Herradón, o deputado da Área de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, Mario Outeiro, e a coordinadora da Aula de Teatro da Universidade de Santiago de Compostela no campus de Lugo, Paloma Lugilde, presentaron esta mañá a XIX Festival Internacional de Teatro Universitario.

Carmen Basadre destacou que “esta mostra de teatro significa para a cidade trasladar as inquedanzas, o coñecemento e todo os esforzo e todo o traballo que se realiza na universidade de cara a cidadanía” e sinalou a importancia da universidade na cidade xa que “creo que é fundamental que os cidadáns nos demos conta do papel que ten e debemos apostar pola cultura nestes momentos”.

Esta nova edición do Festival celébrase entre os días 3 e 12 de marzo no Auditorio Gustavo Freire e achega a Lugo cinco compañías e catro proxectos de estudantes de arte dramático. Ademais permitirá traer ao recordo a figura e a obra de Roberto Vidal Bolaño, a quen se dedica este ano o Día das Letras Galegas.

Nesta ocasión o Festival contempla como actividade complementaria, o día 6 de marzo, a partir das 20.00 horas, na Casa do saber da Vicerreitoría de Coordinación de Lugo, unha sesión de dramaturxia galega na que o Grupo de Intervención USC-Lugo fará unha lectura dramatizada de Crise, de Lois Diéguez, e durante a que se presentará o libro Banqueiros, elaborado por varios autores e coordinado por Francisco Pillado.

Obras de teatro

A compañía de teatro da USC-Lugo abrirá esta edición do festival o domingo, a partir das 20.30 horas, no auditorio municipal Gustavo Freire, coa preestrea de Animaliños, unha adaptación libre da obra de Roberto Vidal Bolaño feita por Paloma Lugilde, que tamén leva a dirección desta montaxe, da que se ofrecerán dous novos pases o día 12 de marzo, ás 18.30 e 21.00 horas, respectivamente, no mesmo auditorio.

As representación teatrais volverán o 7 de marzo ao auditorio Gustavo Freire, neste ocasión da man dos actores da compañía Nie Ma, da Universidade de Szczecin, de Polonia. Esta compañía presentará o xoves en Lugo, a partir das 20.30 horas, a obra Magic Night. A aula de teatro universitaria de Ourense, Maricastaña, dará o relevo á compañía polaca o 8 de marzo, coa representación, tamén no auditorio municipal, a partir das 20.30 horas, da montaxe Suicidio colectivo con encanto.

O XIX Festival Internacional de Teatro Universitario de Lugo dará o sábado, día 9 de marzo, protagonismo aos proxectos de actores galegos en formación, que, a partir das 20.30 horas, presentarán diversas propostas. Así, Alba Fernández, de Vuelta Teatro e galardoada o ano pasada na categoría de propostas escénicas dos Premios Injuve, representará Humana, mentres que Sara Fandiño porá en escena Loita de Armas. O retrato, a cargo de Juan Fórneas, e O noso corpo para nós, unha montaxe representada por Eva Gacio e Pablo Bello, completan a oferta teatral da xornada.

Agamenón. Volvín do supermercado e deille unha malleira ao meu fillo, de Rodrigo García, é a peza que presentará o 10 de marzo a Aula de Teatro da USC, dirixida por Roberto Salgueiro. Tamén a compañía de teatro da UDC, dirixida por Rubén Ruibal, levará a cabo, ao día seguinte no mesmo escenario, un ensaio aberto de varias escenas de A Burla do Galo. No transcurso desta sesión, desenvolvida baixo o título A poética teatral de RVB, tamén se proxectará o documento audiovisual Anxeliños, comentado por Xosé Manuel F. Castro.

A entrada para acudir a todas as representacións programadas é libre e gratuíta, e os interesados poderán retirar con antelación os tíckets no propio auditorio, cuxo aforo é limitado.

 

Multimedia

Noticias relacionadas