Arde Lvcvs 2019: 18 anos de historia viva, que se celebrabrán con preto de 400 actividades

A Alcaldesa presumiu do que é verdadeiramente o Arde Lvcvs, "sinal de identidade, de orgullo e posta en valor do patrimonio. É exemplo de como un movemento social pode transformar as cidades e nos pode levar ao máis alto"

O Arde Lvcvs arrincará o xoves 13, ás 21:00 horas, coa entrada das lexións romanas ao mando do xeneral Caio Antistio, O Vello, e toma da cidade. Será, como de costume, na Ponte Romana

Xoves, 09 de maio de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Arde Lvcvs 2019: 18 anos de historia viva, que se celebrabrán con preto de 400 actividades

O Arde Lvcvs cumpre este ano a maioría de idade, celebrando 18 anos de historia viva, 18 anos crecendo.

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, foron as encargadas de presentar este xoves, no patio central do Vello Cárcere, a programación do Arde Lvcvs, uns festexos nos que de novo se volcou o Concello, asociacións luguesas de recreación histórica e grupos de teatro. Ao acto tamén asistiu o o Deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos, pois o organismo provincial colabora coa cita, así como representantes dos colectivos de recreación histórica e compañías de teatro do municipio.

No acto, Lara Méndez presumiu do que é verdadeiramente o Arde Lvcvs, "sinal de identidade, de orgullo e posta en valor do patrimonio. É exemplo de como un movemento social pode transformar as cidades e nos pode levar ao máis alto, como neste caso, que en 18 anos somos festa de Interese Turístico Galego, de interese turístico Nacional, e xa ten sona internacional". Así mesmo concretou que a programación deste ano chega casi ás 400 actividades, unhas 380, "todas elas con esa rigurosidade que caracteriza a esta festa de recreación histórica", para todos os públicos, e en distintos espazos destacados da cidade.

Méndez tamén quixo enxalzar o traballo das asociacións de recreación histórica de Lugo, "alma mater desta festa", cuxa familia aumenta este ano, pasando de 17 a 18 asociacións.

Pola súa banda, Álvaro Santos fixo fincapé na colaboración da Deputación cunha festa que conxuga a presenza romana coa de castrexos, nunha convivencia perfecta, á que tamén definiu como "un sinal de identidade, non só de Lugo cidade senón de toda a provincia".

O nome propio do Arde Lvcvs: Carmen Basadre

No acto, a Alcaldesa fíxolle un especial e cariñoso recoñecemento á Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, nome propio do Arde Lvcvs, quen ideou estes festexos e que deixa un gran legado, ao longo dos seus 20 anos ao servizo público, para Lugo; que se materializa perfectamente nesta cita.

A programación que nos devolve 2000 anos atrás

O Arde Lvcvs arrincará o xoves 13, ás 21:00 horas, coa entrada das lexións romanas ao mando do xeneral Caio Antistio, O Vello, e toma da cidade. Será, como de costume, na Ponte Romana. A continuación, nas Termas Romanas, xuntaranse todas as tropas e lexións, cos seus estandartes.

Tal e como avanzou Carmen Basadre, quen se amosou emocionada na presentación, o venres, por segundo ano consecutivo, terá lugar o espectáculo da Fvndación da Cidade, a terceira edición da Mvrvs Lvcis, a carreira de romanos contra castrexos polo adarve da Muralla ou unha nova edición do Harpastvm.

A edil, quen lembrou que o Arde Lvcvs pertence á asociación de festas e recreacións históricas, e está na Federación Europea de festas e reconstrucións históricas, sendo o que é por crer nas persoas; avanzou que lexións e tropas de Sagunto, Francia, Italia, Cartagena, Astorga, Portugal Xinzo de Limia, ou de Moldova, que estarán por primeira vez na cidade, participarán no desfile tradicional do sábado de tarde, que este ano inclúe novidades. Estes colectivos internacionais fan de "correa de transmisión, levando a Lugo polo mundo", aseverou Basadre.

Entre as novidades desta edición, a Concelleira anunciou o traslado de ubicación dun campamento, da asociación Caetra Lvcensivm, que estarña na parte posterior do Cuartel de San Fernando. A nova asociación, Lucus Icenas Miliatori, instalarase na Praza Anxo Fernández Gómez. Ademais, haberá distintas rutas:  a dos campamentos, a de establecementos de comida,  dos museos e das portas da Muralla.

Máis información en www.ardelucus.com

Noticias relacionadas