A Alcaldesa reúnese co servizo de Bombeiros

Lara Méndez trasladou ao persoal do Parque o agradecemento polo bo traballo acometido durante o Arde Lvcvs, parabéns que tamén deu á Policía Local e Protección Civil

O labor dos corpos e forzas de seguridade, xunto ao do equipo organizativo, os traballadores municipais e o movemento asociativo “fixo posible que todo saíra con normalidade e sobre o previsto”

A rexedora confirmou que se cumpriron as expectativas e unhas 600.000 persoas visitaron a cidade para participar nas 260 actividades organizadas

Luns, 22 de xuño de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Alcaldesa durante a súa visita aos bombeiros

Continuando co percorrido polas dependencias municipais para coñecer aos traballadores do Concello, a Alcaldesa, Lara Méndez, estivo na mañá deste luns no Parque de Bombeiros de Lugo, encontro que aproveitou para trasladar ao persoal o “agradecemento en primeira persoa” polo bo traballo acometido durante a celebración do Arde Lvcvs, parabéns que tamén deu á Policía Local e aos voluntarios de Protección Civil.

A rexedora subliñou que o labor dos corpos e forzas de seguridade, xunto ao de todo o equipo organizativo, encabezado pola concelleira Carmen Basadre, os funcionarios do Concello, “que se dedicaron en corpo e alma estes tres días ao bo funcionamento da festa”, ademais do movemento asociativo que está detrás, “fixo posible que todo saíra con normalidade e sobre o previsto, a pesar da elevada afluencia de xente”. “Sería impensable facer un Arde Lvcvs aos niveis que está adquirindo sen a implicación das asociacións e colectivos que están detrás, e que cada ano se preparan e se empapan máis da historia romana”.

Lara Méndez confirmou así mesmo que se cumpriron as expectativas e unhas 600.000 persoas visitaron a cidade para participar nas 260 actividades organizadas.

Durante a visita, o servizo de Bombeiros trasladoulle á Alcaldesa as necesidades que detectan en materia de persoal. Méndez, pola súa banda, garantiu “diálogo” e “vontade” para estudar ditas demandas.

Formación do goberno

En canto aos prazos para a formación do Goberno local, a rexedora subliñou que esta semana continuarán os contactos para seguir avanzando e pechar acordos que garantan a constitución do executivo “canto antes”. Destacou neste senso que “non hai ningunha cuestión infranqueable para chegar a acordo; negociable, todas”. A Alcaldesa engadiu que non vai “escatimar” para garantir unha xestión municipal de calidade. “Queremos acotar o gasto o máximo posible, con dúas premisas: unha, de tres grupos municipais pasamos a seis, e dúas, non vamos renunciar a un goberno estable, funcional, eficaz e eficiente, para o que necesitamos medios materiais, económicos e de recursos humanos”, explicou.

Multimedia

  • A Alcaldesa durante a súa visita aos bombeiros
  • A Alcaldesa durante a súa visita aos bombeiros

Noticias relacionadas