A Alcaldesa presenta un informe sobre os accidentes causados por xabaríns en Lugo para forzar á Xunta a que exerza as súas competencias de control e active un plan de xestión concreto

Ante o deixamento de funcións do Goberno galego, o Concello elaborou un estudo dos tramos de estradas con maior número de accidentes de tráfico provocados por fauna cinexética, que aumentaron un 30% no último ano

O informe, que determina os lugares de paso e parada dos animais,  entregarase á Xunta mañá para que concrete as medidas que adoptará co fin de solventar este problema, que afecta ás zonas rurais e tamén á urbana

“O problema de fondo é que non existe unha correcta xestión do territorio e da fauna cinexética, que son competencias exclusivas da Xunta”, subliñou Lara Méndez

Luns, 11 de febreiro de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Alcaldesa presenta un informe sobre os accidentes causados por xabaríns en Lugo para forzar á Xunta a que exerza as súas competencias de control e active un plan de xestión concreto

A Alcaldesa, Lara Méndez, presentou este luns un estudo de tramos de concentración de accidentes nas estradas do municipio causados por especies de fauna cinexética, a súa maioría xabarís, durante os anos 2017 e 2018, co fin de forzar a Xunta á que “se tome en serio este problema, que causa preocupación entre os lucenses, e exerza as súas competencias exclusivas en materia de xestión do territorio e no control da poboación de xabarís”.

Segundo este estudo, cuxa elaboración tamén sería competencia da Xunta, o número de accidentes nos dous últimos anos ascendeu a 318, 187 no 2018, o que supón un aumento do 30% con respecto ao 2017. A rexedora destacou que as estradas con maior número de accidentes foron a N-640 cara a Meira, á altura de Teixeiro, con 21 accidentes nun tramo de 2 km; a estrada da Fonsagrada LU-530, con 13 accidentes nun tramo de 4 km.; a A-6 á entrada de Lugo pola Fonsagrada, con 10 accidentes en 3 km.; a A-54 a Santiago, con 8 accidentes en 3 km,: e a N-VI, na contorna do Pazo de Deportes, con 4 accidentes en menos de 1 km.

Grazas a este informe, “que fixemos por responsabilidade”, sostivo Lara Méndez, a Xunta pode determinar onde están os xabarís, os sitios de pasada e onde dormen. “Polo tanto, agora a Xunta xa non ten escusa para o seu deixamento de funcións e para non concretar as medidas a adoptar ante un problema que xa afecta á zona urbana de Lugo, pero que durante anos vén afectando á zona rural, con danos aos cultivos e prexuízos económicos gravísimos sen que o Goberno galego actuase”.

O Concello esíxelle á Xunta que con este informe analice a fondo os problemas a solventar e as zonas concretas onde debe actuarse, como onde rozar, e que ese plan o transmita ao resto das administracións para que poidan colaborar. 

A Alcaldesa lembrou que o Concello xa lle pediu á Xunta no seu día que activase un plan de xestión do xabaril e elaborase un censo de poboación, pero nada se fixo. “O problema de fondo - insistiu Lara Méndez- é que non existe unha correcta xestión do territorio e da fauna cinexética, que son competencias exclusivas da Xunta”.

Ata o de agora, o único que fixo o Goberno galego foi entregar catro mapas do municipio onde se recollen todos os terreos cinexéticos, dos que son zona de exclusión (onde está prohibida a caza) 3.019 hectáreas, das cales 2.085 son chan rústico e 1.700 de propiedade privada, onde non é aplicable a obriga de manter a zona en perfectas condicións, coma ocorre na zona urbana, senón que só se pode ordenar rozar cando hai risco de incendio.

Xunto con estes mapas, a Xunta indica “que sería conveniente un estudo de campo para definir con máis detalles as zonas prioritarias de actuación, porque recoñecen que é unha zona moi ampla e non se pode rozar na súa totalidade”. Por iso, o Concello elaborou o estudo de concentración de accidentes con fauna cinexética, que xa lle deu a coñecer aos técnicos da Administración autonómica, cos que existe unha interlocución directa, e presentarase de maneira oficial na reunión de traballo convocada para mañá.

O Goberno local tamén esixe que a Xunta poña en marcha de xeito urxente unha campaña de comunicación entre a poboación onde se explique como deben actuar os veciños e veciñas que se atopen cos xabarís e cales son os riscos que presentan estes animais, incluídos os de saúde pública. 

Audio

  • Lara Méndez, sobre os accidentes causados por xabaríns | Descargar mp3

Documentos

Noticias relacionadas