A Alcaldesa, no Parlamento Europeo: “É un orgullo que Lugo sexa exemplo de cidade inclusiva en Europa”

Lara Méndez participa en Bruxelas nos actos organizados pola CE con motivo do Día Europeo das Persoas con Discapacidade

Explicou as actuacións desenvolvidas nos últimos vinte anos, as medidas actualmente en marcha e os retos de futuro, nos que se avanzará grazas aos fondos europeos que conseguiu captar o Goberno local

As reaccións á exposición “foron moi positivas. Púxose en valor que unha cidade romana, con máis de 2.000 anos de historia, teña a capacidade de adaptarse á diversidade funcional da cidadanía”

Martes, 05 de decembro de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Alcaldesa, no Parlamento Europeo: “É un orgullo que Lugo sexa exemplo de cidade inclusiva en Europa”

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, ofreceu este martes unha conferencia na sede do Parlamento Europeo en Bruxelas na que explicou a acción política que desenvolve o Goberno local a favor da mobilidade e a accesibilidade universal. Fíxoo no marco dunha mesa redonda que xirou en torno ao título Teño o soño de que un día... a miña cidade ten en conta as discapacidades, expoñendo como modelo as actuacións desenvolvidas en Lugo durante os últimos vinte anos, as medidas actualmente en marcha e os retos de futuro, nos que se avanzará en gran parte grazas aos fondos europeos que conseguiu captar o Executivo municipal.

“É un orgullo que Lugo sexa exemplo de cidade inclusiva en Europa”, subliñou a rexedora, destacando igualmente as reaccións dos participantes tras a súa exposición, pois “puxeron en valor que unha cidade romana, con máis de 2.000 anos de historia, teña a capacidade de adaptarse á diversidade funcional dos nosos veciños e veciñas, e das persoas que nos visitan”. Isto, indicou, demostra “o gran traballo que se leva feito nos últimos vinte anos polas distintas Corporacións e sobre todo polos axentes sociais, que fan de Lugo unha cidade inclusiva e integradora”. “Quedan retos, pero entre todos faremos un Lugo para todos”, asegurou.

Na mesa redonda na que interviu Méndez tamén tomaron parte Inmaculada Placencia Porrero, experta da Comisión Europea sobre Asuntos Sociais, como moderadora, e Nadia Hadad, membro da Xunta da Rede Europea de Vida Independente, como poñente.

A Alcaldesa acudiu a Bruxelas invitada pola Comisión Europea con motivo dos actos conmemorativos organizados onte e hoxe polo Día Europeo das Persoas con Discapacidade para expoñer o modelo de mobilidade do Concello, despois de que Lugo recibise a Mención Especial dos Premios Europeos de Accesibilidade polo programa Smart City.

Compromiso institucional

Na súa intervención, Méndez subliñou que, aínda que as grandes directrices lexislativas se marcan dende Europa e o Goberno español, os concellos poden impulsar, “de feito estámolo facendo, avances importantes e dar respostas para garantir a autonomía das persoas con discapacidade, a súa integración social e profesional e a súa participación plena na vida da comunidade, en tanto que as administracións locais son as máis próximas ao cidadán, e, por elo, temos un coñecemento profundo e exacto da realidade social”.

En Lugo, explicou a Alcaldesa, “a mellora continua da accesibilidade é un obxectivo que buscamos de maneira transversal a través de toda a acción política do noso Goberno, xa que é unha parte esencial do modelo de cidade polo que traballamos: unha cidade máis cómoda, humana, accesible, social, pensada por e para as persoas”.

Neste senso, apuntou como dúas medidas “moi representantivas” do compromiso institucional do Concello co empoderamento das persoas discapacitadas a creación dunha Concellaría dedicada de maneira específica a traballar pola igualdade e a inclusión e a existencia do Gabinete Municipal de Accesibilidade “para adaptar progresivamente os espazos públicos a todas as persoas que viven no noso municipio ou o visitan”.

Lugo, cidade inclusiva e integradora

Froito disto, “Lugo é a día de hoxe unha cidade inclusiva e integradora”. O municipio, explicou Lara Méndez, dispón de rutas urbanas e rurais accesibles, patrimonio accesible –incluída a Muralla-, itinerarios accesibles no entorno do Miño, transporte público accesible, o ratio de taxis adaptados máis alto de Galicia, axudas municipais para o uso do transporte público adaptado, 200 prazas de aparcamento para persoas con mobilidade reducida, ascensores nos aparcamentos subterráneos, sinais de tráfico luminosas e acústicas, a Casa Domótica –un edificio público de pisos adaptados que o Concello pon en aluguer-, contedores de lixo adaptados, información accesible, traducción en linguaxe de signos e esixencia dunha cota igual ou superior ao 5% de postos de traballo reservados para persoas con discapacidade en todas as ofertas de emprego público.

Os avances acadados, como lembrou a Alcaldesa, valéronlle a Lugo recoñecementos a nivel nacional e europeo, como foron o Premio Reina Sofía no 2006, a distinción de Destino Turístico Accesible de España no 2015 e a propia Mención Especial dos Premios Europeos de Accesibilidade do 2016.

Fondos europeos

Como reto de futuro, a Alcaldesa situou fundamentalmente seguir avanzando na eliminación de barreiras, visibles e invisibles, e mellorar a accesibilidade cognitiva e sensorial, sobre todo do patrimonio cultural. Cara estas metas Lugo avanzará grazas aos novos fondos europeos que conseguiu captar o Goberno local. “Gústame dicir que Lugo ten un apelido: Europa. Porque grazas a Europa, aos fondos europeos que acadamos demos un salto cuantitativo e cualitativo na cidade”. Como exemplo, Méndez puxo o URBAN, “que deixou o selo das políticas europeas de humanización de espazos públicos case en cada recuncho do noso casco histórico”.

En canto aos novos fondos da UE, a Alcaldesa destacou o EDUSI, que busca eliminar a discontinuidade urbana que a día de hoxe existe entre o centro da cidade e o río Miño, o que “influirá de maneira decisiva na mellora da mobilidade”, e o programa Smart City, que ten como obxectivo “seguir aproveitando as amplas posibilidades que ofrecen as novas tecnoloxías para mellorar a calidade de vida dos cidadáns mellorando o seu acceso aos servizos públicos”.

Audio

Multimedia

  • A Alcaldesa, no Parlamento Europeo: “É un orgullo que Lugo sexa exemplo de cidade inclusiva en Europa”

Noticias relacionadas