A Alcaldesa esixe a Feijóo que, “por riba das cifras”, dote a Lugo de Hemodinámica 24 horas: “É o xusto”

Lara Méndez apelou á ILP co maior apoio da historia do Parlamento e ao criterio dos profesionais para defender este servizo ante o Presidente da Xunta, que insiste en condicionar a decisión aos resultados do Rexistro Galego de Infarto

Núñez Feijóo non deu previsións sobre a creación de novas prazas de residencia. Mostrou o “interese” da Xunta en colaborar na construción da intermodal; e comprometeuse a dotar de partida á Ronda Leste no Orzamento do 2016

Dado que “marcamos finais de ano como horizonte para moitas medidas”, a rexedora avanzou que a principios do 2016 pedirá unha nova reunión con Feijóo para “avaliar como se van desenvolvendo esas iniciativas e colaboracións"

Luns, 03 de agosto de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, esixiu ao Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na reunión que mantiveron este luns en Santiago que, “por riba das cifras”, dote a Lugo de Hemodinámica 24 horas. “É o xusto”, subliñou a rexedora. Mentres Feijóo insistiu en condicionar a decisión aos resultados do Rexistro Galego de Infarto Agudo de Miocardio que elabora o SERGAS, que, segundo dixo, estará listo a finais de ano, a rexedora lucense apelou á Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) avalada por máis de 43.000 sinaturas -o maior apoio na historia do Parlamento- e ao criterio dos profesionais, entre outros, o xefe de Cardioloxía do HULA, para defender a implantación deste servizo en horario continuado.

“Recibir á Acaldesa de Lugo é recibir aos lucenses”, subliñou Méndez, polo que agradeceu ao Presidente galego a entrevista, na que este “escoitou de maneira pormenorizada as demandas e reivindicacións de cuestións pendentes entre Xunta e Concello, que non só son do equipo de goberno, senón dos veciños e veciñas”. A rexedora avanzou que, dado que “marcamos finais de ano como horizonte para moitos proxectos e medidas”, a principios do 2016 pedirá unha nova reunión con Núñez Feijóo co fin de avaliar “como se van desenvolvendo esas iniciativas e colaboracións, e dentro do bo entendemento entre administracións que debe existir para dar solucións aos problemas e necesidades dos veciños”. Como agasallo institucional, a Alcaldesa entregoulle ao Presidente da Xunta un exemplar de A Divina Comedia, en tradución ao galego realizada polo académico Darío Xohán Cabana.

Sanidade, servizos sociais e educación

Sanidade, servizos sociais e educación ocuparon unha gran parte do encontro de case tres horas entre Lara Méndez e Feijóo. A Alcaldesa reclamou a dotación de servizos comprometidos pola Xunta para o barrio da Residencia; demandou prazas públicas en centros da terceira idade, pois non se crea ningunha en Lugo dende o ano 1977, centros de día e de garderías, e o mantemento da escola infantil do Sagrado Corazón. Feijóo non precisou novos compromisos ao respecto. Limitouse a lembrar que existe un convenio coa Fundación Amancio Ortega para crear en colaboración co Concello unha gardería de 82 prazas, e que a Xunta concertará 500 prazas de gardería o vindeiro curso. Sobre o centro do Sagrado Corazón, indicou que a Xunta “avaliará a situación coa entidade privada” responsable das instalacións.

A Alcaldesa, facéndose eco das reivindicacións da Plataforma en Defensa do IES As Mercedes, pediu que a Xunta reverta a decisión de convertelo só en Centro Integrado de Formación Profesional, algo ao que Feijóo non deu resposta.

Infraestruturas

No eido das infraestruturas, o Presidente do Goberno autonómico mostrou o “interese” da Xunta por financiar a través dunha colaboración conxunta con Adif e Concello a construción da estación intermodal, “cando se determinen os terreos nos que se pode facer”. Afirmou tamén que no Orzamento do 2016 dotará de partida a construción da Ronda Leste.

Con respecto á rehabilitación do antigo cuartel de San Fernando, o convenio a través do que Concello e Xunta financiarán ao 50% os 181.000 euros necesarios para acometer as obras formalizarase nas vindeiras semanas.

A instancias da Alcaldesa, o Presidente da Xunta confirmou que o novo auditorio estará rematado e será entregado ao Concello a finais de ano se as obras avanzan ao ritmo actual; que continuará o plan de rehabilitación de vivendas da Tinería e que os traballos de instalación do ascensor da Muralla, tras ser paralizados para reaxustar o proxecto, estarán rematados despois do verán.

Así mesmo, o Concello enviará a Augas de Galicia os proxectos para a dotación de saneamento das parroquias de Orbazai, Adai, Meilán e Bocamaos, que precisan un investimento de 3,4 millóns de euros.

Alcaldesa e Presidente da Xunta acordaron impulsar a promoción do Camiño de Santiago ao seu paso por Lugo, integrado no plan de mellora das rutas xacobeas da Xunta.

Audio

  • Xuntanza da Alcaldesa de Lugo co Presidente da Xunta | Descargar mp3

Multimedia

Noticias relacionadas