A Alcaldesa e Abanca firman a cesión ao Concello da escalinata do Sagrado Corazón para poder contratar a obra do ascensor

Conclúen así os trámites urbanísticos preceptivos para poder dispoñer dos terreos necesarios para construír esta infraestrutura pública que mellorará a mobilidade do barrio e polo tanto a calidade de vida da veciñanza

Xoves, 19 de xullo de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Alcaldesa e Abanca firman a cesión ao Concello da escalinata do Sagrado Corazón para poder contratar a obra do ascensor

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o director territorial de Abanca en Lugo, Walter Álvarez, asinaron este xoves ante notario a cesión por parte da entidade bancaria ao Concello a parcela correspondente á escalinata do Sagrado Corazón, espazo necesario para poder acometer as obras de instalación do ascensor público que o Goberno ten proxectado, e polo tanto para aprobar en Xunta de Goberno a súa contratación.

Conclúen así os trámites urbanísticos preceptivos para poder dispoñer dos terreos necesarios para construír o ascensor do Sagrado Corazón. A Xunta de Goberno aprobou previamente a segregación –licenza de parcelamento- dunha parcela do polígono urbanístico do barrio en tres para que agora Abanca lle poidese ceder ao Concello a correspondente á escalinata, tras o que se poderá licitar de inmediato as obras desta infraestrutura longamente demandada pola veciñanza, pois contribuirá  a mellorar a mobilidade do barrio e, polo tanto, a súa calidade de vida. O Goberno ten reservados 250.000€ nos Orzamentos deste ano para esta actuación.

A execución deste proxecto tivo contratempos, pois primeiro a adxudicataria das obras renunciou ao contrato, e logo o Concello non puido volvelas a sacar a licitación, como era o seu obxectivo, debido a unha incongruencia detectada sobre a titularidade dos terreos entre o Catastro e o Rexistro da Propiedade. O Goberno fixo as xestións pertinentes para resolver esta incoherencia a través do trámite urbanístico da segregación, e para o que, previamente, foi necesario que Abanca cedera ao Concello parte da beirarrúa situada na parte superior da parcela.

Noticias relacionadas