A Alcaldesa coñece os empregados públicos do CEI-Nodus e o Centro de Servizos Municipais

A visita da rexedora ao Centro de Empresas e Innovación coincidiu coa gravación dun vídeo para difundir nas redes sociais o labor da Asociación de Mulleres Empresarias e do propio centro de emprendemento do Concello

Martes, 16 de xuño de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, estivo este martes no CEI-Nodus, o Espazo Lab e o Centro de Servizos Municipais, para coñecer persoalmente os empregados públicos que traballan nestas dependencias, agradecer o seu traballo e trasladarlles a súa confianza para continuar co seu labor. A rexedora continúa deste xeito coa toma de contacto cos funcionarios da Administración local que iniciou onte na casa consistorial e que continuará na xornada de mañá mércores.

A visita da rexedora ao Centro de Empresas e Innovación coincidiu coa gravación dun vídeo musical impulsado pola Asociación de Empresarias de Lugo e elaborado pola Fundación TIC, dependente da Deputación. Lara Méndez participou, xunto con outro cento de persoas, na rodaxe do lipdub, que tivo lugar nas instalacións do CEI Nodus e que será divulgado a través das redes sociais para fomentar e promover as empresas e o emprendemento do CEI do Concello lucense.

Participando nesta iniciativa, a Alcaldesa quixo axudar “a visibilizar o labor das mulleres emprendedoras” e poñer en valor o CEI-Nodus, do que, como lembrou, saíron unhas 70 empresas dende a súa posta en marcha. “Como muller e como rexedora é unha satisfacción apoiar este tipo de  iniciativas, e que sexa unha das primeiras que me toca acudir como Alcaldesa”, asegurou.

Multimedia

Noticias relacionadas