A Alcaldesa asegura que o diálogo social será unha “tónica constante” neste mandato

Lara Méndez reuniuse cos presidentes da Xunta de Persoal e do Comité de Empresa, Manuel Louzao e Eduardo Risco

A funcionarización do persoal laboral fixo e a elaboración dunha nova RPT son dous “grandes obxectivos” que abordará o Goberno cos representantes dos traballadores

Mércores, 01 de xullo de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Alcaldesa durante a reunión cos presidentes da Xunta de Persoal e do Comité de Empresa do Concello

A Alcaldesa, Lara Méndez, mantivo este mércores unha reunión cos presidentes da Xunta de Persoal e do Comité de Empresa do Concello, Manuel Louzao e Eduardo Risco, respectivamente, un encontro “fructífero”, no que “os tres consensuamos que o diálogo social será unha tónica constante” no mandato que vén de arrancar, subliñou a rexedora. A xuntanza de hoxe foi unha “primeira toma de contacto” cos representantes dos traballadores, despois do percorrido que realizou a Alcaldesa polos servizos municipais para coñecer a todos os empregados públicos.

Dous dos grandes obxectivos “que vamos a abordar”, explicou Méndez, son a funcionarización do persoal laboral fixo e a elaboración dunha nova Relación de Postos de Traballo (RPT) para actualizar a existente, do ano 2010, medidas que “serán moi positivas para os traballadores, para a propia institución, e redundará tamén no conxunto dos cidadáns, que é sempre a nosa finalidade”. Outras cuestións tratadas foron a posibilidade de implantar un sistema de fichaxe e a distribución do complemento de produtividade. 

“Non sabemos se vamos poder conseguir todo neste mandato, pero o que temos claro é que temos a obriga de intentalo a través dun diálogo en dobre dirección, dos órganos de goberno aos traballadores e dos traballadores aos órganos de goberno. Temos moita ilusión e moitas ganas”, asegurou a Alcaldesa, quen lembrou que a vindeira semana o equipo de goberno estará a pleno rendemento, polo que “iniciaremos as primeiras tarefas” no eido laboral.

Audio 

  • Declaracións da Alcaldesa tras a reunión cos presidentes da Xunta de Persoal e do Comité de Empresa do Concello | Descargar mp3

Noticias relacionadas