A Alcaldesa anuncia a suspensión da ORA ata que o Concello adxudique o novo contrato

Lara Méndez avanzou que un equipo de técnicos municipais traballa xa na elaboración dunha ordenanza de aparcamentos que recolla a realidade actual da cidade, en base á que se redactarán os novos pregos do concurso A supresión temporal do servizo, notificada hoxe mesmo á empresa, manterase durante uns 8 meses, o tempo estimado para aprobar a ordenanza e resolver a adxudicación O Concello buscará o “máximo consenso co tecido asociativo e empresarial, e co resto de grupos políticos” en todo o proceso. Despois do verán, a rexedora manterá reunións cos colectivos da cidade

Xoves, 23 de xullo de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Alcaldesa durante a súa comparecencia

A Alcaldesa, Lara Méndez, anunciou este xoves a suspensión do servizo da ORA ata que o Concello adxudique o novo contrato. A supresión temporal foi notificada oficialmente hoxe á empresa, e o acordo levarase á Xunta de Goberno, previsiblemente á sesión ordinaria do vindeiro mércores, momento no que a medida comezará a aplicarse.

A rexedora lembrou que a Xunta de Goberno do pasado 28 de xaneiro aprobou renunciar ao contrato do servizo de xestión de aparcamentos na vía pública, a ORA, “unha determinación que foi avalada polo Xulgado do Contencioso Administrativo de Lugo nunha sentencia ditada en abril”.

“Nada máis chegar ao Goberno, esta foi unha das primeiras cuestións que abordei coa intención de retomar canto antes o proceso”, subliñou Méndez, quen confirmou que un equipo formado por técnicos municipais traballa xa na elaboración dunha nova Ordenanza Reguladora dos Aparcamentos, “que recolla a realidade actual da cidade e para a que trataremos de chegar, como en todo, ao máximo consenso co tecido asociativo e empresarial, e co resto dos grupos políticos”. A Alcaldesa sinalou neste senso que, unha vez pasado o verán, “manteremos reunións cos distintos colectivos veciñais, comerciais, hosteleiros... para coñecer as súas propostas”.

Lara Méndez avanzou tamén que, en base a dita ordenanza, redactarase un novo prego de condicións técnicas para adxudicar a ORA, “o que nos permitirá mellorar as condicións do contrato e modernizar o sistema de regulación do aparcamento, en beneficio dos usuarios e dos intereses públicos do Concello, e atendendo ao Lugo actual, tanto a nivel de ordenación urbana, como comercial. As cidades van cambiando e está claro que o Lugo de hai 20 anos, os seus servizos, as súas necesidades... pouco teñen que ver coas de hoxe”.

Segundo as estimacións municipais, a nova Ordenanza Reguladora dos Aparcamentos estará aprobada a finais de ano e a nova adxudicación da ORA se resolverá no primeiro trimestre do 2016. Polo tanto, a suspensión do servizo será duns 8 meses.

Aval técnico

Tras estudar cos técnicos a situación en profundidade e ver todas os escenarios factibles, “consideramos que esta é a decisión máis idónea e máis racional das posibles, tanto para acatar a sentencia que anula o concurso do 2009, como para os intereses dos cidadáns e do Concello”, asegurou Lara Méndez, engadindo que esta medida política está avalada tecnicamente por tres informes favorables: un xurídico, outro de Enxeñería e o terceiro de Tráfico.

A Alcaldesa recoñeceu que a regulación dos aparcamentos “é unha cuestión sobre a que a cidadanía e o tecido socioeconómico están moi sensibilizados”, polo que, recalcou, “contaremos coa participación de todos e estudaremos medidas que atendan ás distintas necesidades destes colectivos”.

Non á supresión definitiva

Subliñou tamén que se trata dunha suspensión da ORA transitoria. “Non pensamos nunha supresión definitiva. Entendemos que a regulación dos aparcamentos en superficie é unha medida de aplicación xeneralizada en España e Europa, necesaria para facer máis humanas as cidades, para favorecer a mobilidade e para regular o tráfico”, explicou.

Audio

  • Declaracións da Alcaldesa sobre a suspensión da ORA | Descargar mp3

Noticias relacionadas