Aberta a votación popular do concurso para escoller o cartel anunciador do San Froilán 2017

Poderase votar ata o 14 de xuño a través da páxina oficial destes festexos na rede social Facebook, www.facebook.com/sanfroilan.info

Luns, 05 de xuño de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concellería de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, que dirixe Carmen Basadre, abriu este luns a votación popular do concurso de deseño gráfico para elixir o cartel anunciador do vindeiro San Froilán 2017, coa finalidade de facer cómplice e partícipe á sociedade na elección da imaxe desta festa declarada de interese turístico galego e nacional.

Poderase votar ata o mércores, 14 de xuño, ás 12:00 horas, entre as 159 creacións, a través da páxina oficial destes festexos na rede social Facebook, www.facebook.com/sanfroilan.info, premendo no botón de gústame que aparece na imaxe de cada un dos carteis.

Unha vez feito o reconto de votos, farase pública a selección a través das redes sociais oficiais do San Froilán e da páxina web do Concello www.lugo.gal. Tras esta votación popular, un xurado formado por tres persoas expertas seleccionará, entre as 10 de maior puntuación, a obra gañadora, que será premiada cun importe de 2.000 euros. Os restantes carteis presentados serán expostos nas redes sociais durante un mes. Unha vez finalizada a exposición, as e os autores terán un prazo de 15 días para recollelos; pasado este prazo, serán propiedade do Concello de Lugo, que decidirá o seu destino.

Noticias relacionadas