Cheo histórico dos concertos do San Froilán 2015, que deixou uns 11,5 millóns de euros en Lugo e ata un 97% de ocupación hoteleira

Carmen Basadre fixo balance dos dez días de festas do San Froilán 2015, ao que se achegaron unhas 570.000 persoas para gozar das máis de 200 actividades programadas

A Asociación Provincial de Hostalería e a artista Luz Darriba, en representación dos artistas participantes no Recanto das Artes, avalaron o éxito dos festexos mostrando a súa satisfacción pola gran afluencia de público

Mércores, 14 de outubro de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa
San Froilán 2015

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, fixo este mércores un balance dos dez días de festas do San Froilán 2015, que segundo as estimacións do Concello deixou uns 11,5 millóns de euros na cidade, “se calculamos un gasto mínimo de 20 euros”, ademais dunha ocupación hoteleira que que rondou o 97% os dous sábados, e en picos dende o 60% ao 89% os venres e domingos, tal e como informou a edil, que estivo acompañada polo secretario da Asociación Provincial de Empresarios de Hostelería e Turismo de Lugo (APHEL), Jacobo García, e pola artista Luz Darriba, os que avalaron o éxito das festas mostrando a súa satisfacción pola gran afluencia de público.

“A pesar de que o bo tempo non acompañou durante os primeiros días, e de que os expertos alertaron dun temporal que nin tan sequera se deixou notar en Lugo, foron uns festexos moi satisfactorios”, subliñou Carmen Basadre, quen salientou que foron unhas 570.000 as persoas que se achegaron a estes festexos, declararados de Interese Turístico Galego e Nacional, para participar nas máis de 200 actividades programadas para este ano e para asistir a uns “concertos musicias gratuítos e de calidade que rexistraron un cheo histórico”, tal e como os definiu a edil.

A Praza Horta do Seminario e a Praza de Santa María superaron todas as previsións en todos os concertos, sendo as actuacións de Auryn, M-Clan, Luar na Lubre, Siniestro Total, Carlos Jean e Treixadura as máis multitudinarias, cun total de 42.000 espectadores. En xeral, todas as actuacións lograron un rotundo éxito de público, como a ludoteca de auga para os máis cativos ou a verbena do Combo Dominicano, que congregou en Augas Férreas a 30.000 persoas. Ademais, os actos máis tradicionais como o desfile de gando celebrado na Praza Maior ou a ofrenda a Rosalía gozaron dunha gran participación, así como o pregón de Darío Xohán Cabana, un dos máis multitudinarios dos últimos anos, cunhas 4.000 persoas na Praza Maior.

Os días de maior afluencia foron o venres 9, o Día de Ferrol e o Domingo das Mozas con máis de 100.000 persoas diarias. “Estes datos non son froito da improvisación, senón que responden a unha programación diseñada con moito entusiasmo, coidada ao máximo e pensada para todas as idades e todos os públicos, pero tamén pensada como un escaparate para os máis de 50 artistas lucenses que actuaron”, destacou Basadre, ao tempo que fixo fincapé no “rotundo éxito do San Froilán, e non só pola afluencia de público senón porque ratifica a nosa aposta polos grupos locais, pola música tradicional e por unhas festas de marcado caracter popular”.

Repercusión

Neste senso, Carmen Basadre tamén salientou na “boa acollida” entre os visitantes da II Feira de Gastronomía e Artesanía-Gastroarte, que se celebrou na Avenida de Ramón Ferreiro e pola que pasaron unhas 30.000 persoas, así como do II Concurso de Polbeiros e Polbeiras, no que se distribuíron a totalidade dos tickets para degustar o produto estrela do San Froilán, o polbo. Tamén tivo unha excelente aceptación o Recantos das Artes, polo que pasaron 9.000 persoas.

Pola súa banda, Luz Darriba agradeceulle ao Concello esta iniciativa “para que os artistas teñamos un lugar no San Froilán onde amosar e comercializar o noso traballo”, unha iniciativa moi importante, pola que pasaron 9.000 persoas nos 10 días, “o que fai o equivalente a un museo”, tal e como destacou a artista, quen pediu a continuidade deste Recanto.

Neste senso incidiu García, quen tamén se mostrou satisfeito tanto polo número de visitantes como polas pernoctacións durante as festas, “unhas moi boas datas para os hoteleiros, que para nós é o fin de tempada”, subliñou o secretario de APHEL, quen agarda seguir recibindo visitas o resto do mes co tirón do polbo.

En canto aos demandantes de información, pasaron tanto pola Oficina de Información Turística que se habilitou ao fondo da Praza Maior como pola Oficina de Turismo da Praza do Campo máis de 10.000 persoas. O lugar de procedencia da maioría dos visitantes neste San Froilán 2015 foi Galicia, con preto de 5.000 persoas, Castela e León, con máis de 400; Madrid, con máis de 300 e Asturias cuns 250. Este ano pasaron polas festas 73 arxentinos, 72 alemáns e 54 estadounidenses, entre outros.

Agradecementos

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua aproveitou para agradecer a “valiosa” colaboración ás empresas que contribuíron dun xeito ou doutro co San Froilán. Entre esas empresas están Arriva, que ofreceu descontos nas súas viaxes dende A Coruña para gozar do Sann Froilán, aos que se acolleron unhas 5.000 persoas e Alsa, que flletou autobuses con máis de 1.000 pasaxeiros dende diferentes puntos de España.

Neste senso, Basadre tamén destacou o “excelente traballo” realizado estes días pola Policía Local, Protección Civil, Bombeiros de Lugo e Cruz Vermella, que contribuíu a que os dez días de festexos fosen un éxito e que a amplia programación de actividades se desenvolvese con total normalidade, a pesar da importante aglomeración de persoas. “Na rúa respirábase sensación de seguridade”; aseverou a Concelleira, quen tamén agradeceu os traballos efectuados polo Servizo Municipal de Limpeza que nos días de festa recolleron 1.400 toneladas de lixo, garantizando que a cidade amanecera limpa.

Carmen Basadre tamén fixo fincapé na colaboración dos veciños e veciñas de Lugo e de todos os visitantes para que o San Froilán 2015 rematase sendo un éxito. Deste xeito, quixo agradecer aos lucenses e aos foráneos a súa participación na elección dos grupos, a súa asistencia ás diferentes actividades programadas, ben sexa para os miúdos da casa ou para os maiores, e sobre todo, pola “magnífica resposta” ás actuacións musicais ofertadas. “Grazas por axudarnos a manter viva a tradición das festas máis fermosas do outono galego e de todas as estacións e grazas por presumir de Lugo”, sentenciou Carmen Basadre, quen aproveitou para lembrar que “Lugo está de moda”.

Orzamento

A Concelleira tamén informou do investimento, similar á de anos anteriores, ao redor de 620.000 euros. “A afluencia de visitantes nas rúas confirman que foron unhas festas que activaron o turismo e dinamizaron a economía da cidade, principalmente do sector servizos, á que pertencen máis do 80% das empresas da cidade”, asegurou Basadre.

San Froilán virtual

As publicacións nas redes sociais do San Froilán recibiron un total de máis de 2,6 millós de impresións en facebook e en twitter en 90 días, en twitter foron 398.500 as impresións totais e en facebook 2.213.650, cun alcance de 638.063.

O interese principal en twitter, seguido por máis de 4.800 persoas, foron os grupos, especialmente Auryn, que levou máis de 100.000 impresións. Tras Auryn, destacan por interese e interacción, Los Chikos del Maíz, o anuncio das datas das festas, Carlos Jean e Luar na Lubre.

En canto a facebook, que rexistra máis de 6.300 Me gusta, as publicacións que máis interesaron foron en primeiro lugar a elección dos grupos, en segundo lugar os avisos de tipo útil, en terceiro lugar as orquestras, especialmente El Como Dominicano e en cuarto lugar os grupos musicais na seguinte orde: M-Clan, Treixadura, Auryn, Siniestro Total, Los Chilkos del Maíz, Luar na Lubre, Carlos Jean, Delorean, Annie B Sweet e Kiko Veneno.

Ás redes sociais do San Froilán hai que sumarlle tamén as de LugoTurismo, que no facebook conseguiu 192.654 impactos cun alcance de 83.779.

Por outra banda, 10.845 usuarios entraron 14.343 veces á páxina web oficial do San Froilán para visitar un total de 49.722 páxinas. A duración media da visita foi de 2 minutos e 10 segundos.

O vídeo-mapping que se estreou o sábado 3 de outubro, conta xa con máis dun milleiro de visitas, atopándose entre os 5 mellores de España, segundo MBC Audiovisuais.

Audio

Noticias relacionadas