Xa se poden conseguir as entradas para o TEDxRúaSanFroilán

Será a través dun concurso cuxas bases están publicadas dende hoxe en TEDxRuaSanFroilan.com

O equipo organizador de TEDxRúaSanFroilán abriu o prazo para facerse cunha das entradas do evento. Serán gratuítas, pero o feito de que sexan limitadas fai que todas as persoas interesadas en conseguir unha teñan que participar nun concurso.

Os participantes deberán facer vídeos, de non máis de 30 segundos, ou fotos en formato .jpg, valorarase a creatividade e mailo talento, polo que se permiten filtros, emoticonos e todo o que autor crea que fai orixinal a súa creación.

O prazo para envialos remata o 16 de febreiro e hai varias vías para facer chegar as súas propostas, ben por Whatsapp ao 686165848, por correo electrónico a hola@tedxruasanfroilan.com ou a través das redes sociais do evento co hashtag #TEDxTalento e mencionando á páxina nos diferentes perfís:

As fotos e vídeos enviados serán valorados polo equipo de organización, e os seleccionados serán obsequiados cunha entrada para o evento.

Evento pioneiro en Lugo
O TEDxRúaSanFroilán terá lugar o vindeiro día 11 de marzo pola mañá no MIHL. TEDx é a versión local das internacionais charlas TED. Será o primeiro evento destas características que se celebra na nosa cidade, consistente nunha serie de  conferencias de 18 minutos que terán como base o talento e que se acompañarán de diferentes actividades.

Entre os relatores confirmados atópase a triatleta paralímpica viguesa Susana Rodríguez ou o ex concursante de Masterchef e emprendedor lucense Efrén Álvarez, entre outros.