Bando da Alcaldía para promover a limpeza e mantemento de soares

Fago saber:

O Concello de Lugo comeza unha campaña para promover a limpeza e mantemento de soares coa finalidade de previr incendios. Por elo, lembramos a todas as persoas propietarias de parcelas, independentemente do tipo de solo no que se sitúen: urbano, urbanizable delimitado, urbanizable non delimitado ou non urbanizable, a obriga de proceder ao roce e limpeza das mesmas, coa finalidade de evitar as importantes molestias que lles ocasionan ás colindantes.

Igualmente, comunícase que por parte de inspectores municipais seguiranse realizando visitas de inspección para comprobar o cumprimento do referido deber, de tal xeito que aqueles soares que se atopen sen rozar unha vez transcorrida dita data, este Concello procederá, de conformidade coa normativa vixente, da seguinte maneira:

  • Naqueles soares en que non exista alto risco de incendios, emitirase unha resolución por parte da Alcaldía ordenando o desbroce do soar nun breve prazo de quince días, coa incoación de expediente sancionador e apercibimento de execución subsidiaria, tal e como establece o artigo 336 do Decreto 143/2016, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, de 10 de febreiro de 2016, do Solo de Galicia.
  • Nos que exista alto risco de incendios co informe xustificado polo Corpo Municipal de Bombeiros, ordenaráselle á propietaria ou propietario a roza nun prazo inminente, procedendo este Concello ao mesmo en caso de incumprimento por execución subsidiaria e posterior tramitación dun expediente sancionador, recollido no artigo 164 da Lei 2/2016, de 10 de febreiro de 2016, do Solo de Galicia.

Todo elo realizarase en cumprimento da vixente normativa aplicable:

  • O Real Decreto Lexislativo 7/2015, de 30 de outubro de 2015, do Texto Refundido da Lei do Solo e Rehabilitación Urbana, publicado no BOE do 31 de outubro de 2015, que no seu artigo 16.1 regula o contido do dereito de propiedade do solo en situación rural ou vacante de edificación.
  • A Lei 2/2016, do 10 de febreiro de 2016, do Solo de Galicia, determinando no seu artigo 32 as facultades e deberes dos propietarios en chan rústico e o no artigo 135 recolle os deberes de uso, conservación e rehabilitación.
  • A Lei 2/2016, do 22 de setembro de 2016, pola que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro de 2016, do Solo de Galicia, establecendo no artigo 32 os deberes dos propietarios en solo rústico e o artigo 332, que recolle os deberes de uso, conservación e rehabilitación, así como os seguintes artigos 333, 334, 335, 336 e 337.
  • O Plan Xeral de Ordenación Municipal vixente, que no seu artigo 29, sobre as ordes de execución, recolle o deber das persoas propietarias de toda clase de terreos e construcións a mantelos en condición de seguridade, salubridade e ornato público.

Lugo, 20 de outubro de 2017
A ALCALDESA,
Asdo.: Lara Méndez López