VRBS LVCVS: Obradoiro de emprego 2013-14

O obradoiro de emprego “VRBS LVCVS” promovido polo Concello de Lugo coa subvención da Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de galicia, inicia as súas actividades o 30 de novembro de 2013. O seu obxectivo é que durante os seus seis meses de funcionamento, vinte e catro alumnos/as traballadores/as, que ata a súa incorporación a este proxecto estaban en situación de desemprego, adquiran a formación e destrezas profesionais necesarias para acceder ao mercado laboral coas suficientes garantías de atopar un posto de traballo por conta propia ou allea.

As especialidades formativas impartidas son as de Xestión Documental, con oito alumnos/as participantes; Técnico en Dixitalización de Documentos, con oito alumnos/as; e Técnico en Dixitalización 3D do Patrimonio Cultural, con oito alumnos/as traballadores/as.

O organigrama do persoal responsable da boa marcha do obradoiro de emprego está composto por un director, coa función de coordinar, xestionar e controlar o proxecto global do obradoiro de emprego; unha auxiliar administrativo, para apoio a dirección nas tarefas administrativas de xestión do obradoiro de emprego; e por último, tres expertos – docentes nas anteditas especialidades profesionais.