Muramiñae: Da Muralla ao Miño - Estratexia EDUSI

Muramiñae: Da Muralla ao Miño - Estratexia EDUSI

QUE É A ESTRATEXIA MURAMIÑAE, DA MURALLA AO MIÑO?

A estratexia Muramiñae, da Muralla ao Miño é un programa financiado polo Concello de Lugo e o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) da Unión  Europea, dedicado á posta en marcha de proxectos que favorezan un desenvolvemento urbano sostible.

O Ministerio de Facenda e Administracións Públicas concedeu ao Concello de Lugo esta estratexia, enmarcada dentro da convocatoria de fondos europeos de Desenvolvemento Urbano Sostible Integrado, o 3 de outubro de 2016, cun prazo de execución de 4 anos, e cun financiamento do 80% da Unión Europea (10 millóns de euros) e 20% do Concello (2,5 millóns de euros); cuxa finalidade é integrar o Miño na cidade a través da zona do Carme e facer así unha cidade máis verde, máis sostible máis integradora e máis moderna.

LIÑAS ESTRATÉXICAS DO MURAMIÑAE

Co obxectivo de unir a cidade e o río a través da zona do Carmen, eliminar a descontinuidade urbana que existe entre a Porta Miñá e o Miño, aproveitando ademais que discorre o Camiño de Santiago, e integrar o entorno fluvial na cidade, Muramiñae inclúe unha serie de actuacións que poden agruparse nas seguintes 7 liñas estratéxicas:

1.- Revitalización da zona do Carmen con accións de humanización e ordenación urbanística.

2.- Posta en valor do patrimonio:

  • Acondicionamento da traza do Camiño de Santiago
  • Estudo arqueolóxico da zona e creación de novas ventás arqueolóxicas, elaboración de material didáctico, e posta en valor dos restos arqueolóxicos das Termas Romanas

3.- Creación de novas conexións a pé, en bicicleta e rodadas entre a trama urbana e o río para favorecer a mobilidade e o acceso a zonas de esparexemento e deportivas situadas no entorno do Miño, como o estadio de fútbol Anxo Carro, o Pazo de Feiras e Congresos ou o Club Fluvial.

Entre outras medidas, inclúense:

  • Crear un acceso rodado á altura da Volta da Viña que conecte directamente coa N-VI en sentido A Coruña, evitando así o rodeo que os condutores teñen que facer na actualidade. Isto mellorará a seguridade de vehículos e peóns e permitirá peonalizar a Calzada da Ponte, actuación tamén contemplada neste proxecto.
  • Construír unha pasarela sobre a estrada nacional e ampliar o paso subterráneo
  • Acondicionar un acceso que permita chegar a pé á zona fluvial, o que contribuirá a diminuír o tráfico rodado e humanizar a cidade
  • Potenciar o uso do transporte público coa ampliación e a modernización da rede de transporte; desenvolver un plan de mobilidade en bicicleta, e a intermodalidade entre o transporte público e a bicicleta

4.- Impulso do entorno fluvial con novas actividades e dotacións culturais, así como accións de protección da ribeira e rexeneración de espazos. Entre outras medidas, proponse a creación dun parque temático da cultura castrexo romana no entorno fluvial que recree esta época e que acolla actividades divulgativas, con aportacións das asociacións culturais da cidade vinculadas ao Arde Lucus.

5.- Estimular a creación de emprego e a inserción sociolaboral, e apoiar o emprendemento a través de iniciativas relacionadas coa revalorización dos recursos naturais e patrimoniais.

6.- Potenciar o uso das novas tecnoloxías para ampliar os servizos públicos prestados aos cidadáns e poder facelo con máis eficacia e eficiencia, mellorar a transparencia, e impulsar a participación cidadá e a estratexia de Goberno Aberto.
Entre outras actuacións, inclúese:

  • Modernizar a Administración Electrónica
  • Ampliar os servizos dispoñibles da Tarxeta Cidadá para atraer novos usuarios e mesmo crear unha App cos servizos e virtualizar a tarxeta
  • Desenvolver unha plataforma con navegador xeográfico –XIS- para a xestión intelixente das infraestruturas locais e o mobiliario urbano
  • Crear unha plataforma de participación cidadá, unha aplicación que permita xestionar as súas solicitudes e iniciativas, e un sistema que permita realizar notificacións masivas aos veciños en función dos seus intereses

7.- Medidas de aforro enerxético e medioambientais:

  • Instalación de dispositivos de aforro enerxético
  • Sistemas de xestión que permitirán o control punto a punto da rede de alumeado para conseguir un consumo eficiente
  • Renovación do equipamento
  • Implementación dun sistema de toma de datos e análise que axude a identificar accións para optimizar o consumo
  • Fomento da reciclaxe orgánica

DELIMITACIÓN ZONA MURAMIÑAE

DELIMITACIÓN ZONA MURAMIÑAE

DELIMITACIÓN ZONA MURAMIÑAE

+ info

Outra documentación de interese

Novas relacionadas