Escolas infantís municipais

Que son as escolas infantís municipais?

Son equipamentos diúrnos de carácter educativo e asistencial, que teñen por obxecto o desenvolvemento harmónico e integral dos/das nenos/as, realizando ademais un importante labor de apoio á función educativa da propia familia á vez que facilita o acceso dos pais ao mundo laboral.

Onde están situadas?

O Concello de Lugo conta actualmente con 4 escolas infantís:

  1. Escola infantil municipal Serra de Outes: situada na rúa Serra de Outes s/n.; Tfno: 982.29.73.12
  2. Escola infantil municipal Gregorio Sanz: situada na Avda. Vilaverde s/n.; Tfno: 982.29.74.48
  3. Escola infantil municipal Luis Soto Menor (San Fiz): situada na rúa Fonta da Bica, número 2 (tramo medio da Avda. de Madrid); Tfno: 982.29.74.40
  4. Escola infantil municipal María Wonenburger (Piringalla): situada na Rúa das Fontes, número 29; Tfno: 982.29.74.42.

Cal é a capacidade de cada unha das escolas infantís municipais?

  1. Escola infantil municipal Serra de Outes: 61 prazas
  2. Escola infantil municipal Gregorio Sanz: 61 prazas
  3. Escola infantil municipal Luis Soto Menor (San Fiz): 61 prazas
  4. Escola infantil municipal María Wonenburger (Piringalla): 55 prazas

En cada unha das escolas resérvanse 3 prazas de emerxencia por curso escolar, correspondendo unha praza en cada unidade de repartición.

Con cantas unidades de repartición conta cada escola infantil municipal?

  • 1 unidade de 3 meses a 1 ano
  • 1 unidade de 1 a 2 anos
  • 2 unidades de 2 a 3 anos

Que servizos prestan?

Servizo de comedor: comprende a elaboración de menús adaptados tendo en conta as necesidades nutricionais de cada etapa evolutiva das/os nenas/os. Este servizo apoia e elabora os tres tipos de menús de acordo ás necesidades alimenticias dos menores:

  • Biberóns e papillas a base de leite e cereais
  • Elaboración de purés de verduras variadas con carne, peixe ou ovo
  • Purés de froitas variadas con ou sen cereais
  • Elaboración de menús diarios variados: sopas, guisos, fritos e cociñados de carnes, peixes e pastas cunha dieta equilibrada, sen aditivos e adaptada a nenas e nenos que comezan a tomar alimentos sólidos por primeira vez

Servizos educativos e asistencial: as escolas infantís municipais prestan un servizo integral de carácter social e educativo que atende todas as facetas da aprendizaxe, motricidade, control corporal, primeiras manifestacións da comunicación e da linguaxe, pautas elementais de convivencia, relación social e descubrimento do entorno inmediato, realizando un traballo conxunto entre o ámbito escolar, a familia e o entorno físico. O compoñente asistencial está referido á prestación de todos os coidados necesarios como a hixiene como a hixiene, limpeza, o cambio de roupa, manutención e atención á saúde dos menores.

Como se pode solicitar praza?

Cada mes de febreiro ou marzo ábrese un prazo de presentación de solicitude de praza para o curso escolar vindeiro. As familias poderán recoller os impresos de solicitude nas dependencias da Concellería de Educación, nas escolas municipais, descargalos da páxina web, así como no Servizo de atención ao Cidadá.

Podo solicitar praza para unha nena ou neno nacido despois de finalizar o prazo de convocatoria?

Con carácter excepcional revisaranse e puntuaranse as solicitudes fóra de prazo sempre que o nacemento ou adopción da nena ou do neno teña lugar con posterioridade ao prazo de presentación de solicitudes e ata o 31 de agosto. Nestes casos a solicitude figurará coa puntuación obtida na lista de espera única para as catro escolas para cubrir vacantes de praza na unidade de idade correspondente.

Podo solicitar praza ao longo de todo o ano?

Sí, pasando a figurar sempre a finais da lista de espera da escola indicada como preferente.

Canto custa ás familias ter á súa nena ou neno nunha escola infantil municipal?

Os prezos que deberán aboar as persoas usuarias serán os establecidos na Ordenanza fiscal nº 116 aprobada anualmente polo Concello de Lugo, variando en función da renta per cápita mensual.

Que requisitos debe cumprir a nena ou neno para poder solicitarlle praza nas escolas infantís municipais?

  • Que a/o nena/o estea empadroada/o no Concello de Lugo
  • Que teña unha idade mínima de tres meses na data de ingreso
  •  Non ter cumpridos os 3 anos de idade o 31 de decembro de 2015

Non obstante, poderán eximirse do límite de idade dos 3 anos as nenas e os nenos con necesidades específicas de apoio educativo, logo da emisión do ditame do equipo de orientación específica da xefatura territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria correspondente, por petición dos pais, ou representantes legais e a través do centro onde soliciten praza.

No caso de integrarse nenas e nenos con necesidades específicas de apoio educativo, en ningún caso poderá haber máis dunha nena ou dun neno con estas necesidades por aula. Para os efectos de ratio, estas prazas contabilizaranse como dúas.

Como se adxudican as prazas?

En primeiro lugar, reservarase un número de prazas para as nenas e nenos xa matriculados no curso anterior ao da convocatoria. En segundo lugar, reservaranse en cada unha das catro escolas de entidade municipal 3 prazas de emerxencia social para o curso correspondente ao da convocatoria.

En terceiro lugar, adxudicaráselles praza ás/aos fillas/os do persoal que preste servizo en cada unha das escolas infantís municipais e soliciten praza para elas no curso correspondente ao da convocatoria.

En cuarto lugar, adxudicaráselles ás/aos solicitantes con irmá/án cunha praza adxudicada (reservada ou de novo ingreso) no centro para o que solicitan a praza. No caso das nenos e nenas nacidos posteriormente á convocatoria anual, pasarán a cubrir o primeiro posto na lista de espera da unidade correspondente nesa escola.

As prazas de novo ingreso adxudícanse tendo en conta a preferencia de escola marcada na solicitude e segundo a puntuación obtida por aplicación do baremo establecido para cada convocatoria.

Directorio