Escola Municipal de Música

Escola Municipal de Música

A través da Escola Municipal de Música o Concello de Lugo puxo no ano 2012 un novo servizo para toda a cidadanía de Lugo. Era unha vella demanda, pois Lugo era a única cidade galega que non contaba cunha escola municipal de música, un servizo que hai mesmo en moitas vilas máis pequenas. A súa creación é un compromiso feito realidade e cun único obxectivo: popularizar a música e a cultura.

A través desta iniciativa queremos que a música chegue a toda a cidadanía, sen distinción de idade ou de clase social, por medio dun servizo cen por cen público, porque en época de crise hai que seguir apostando polo público. Pasados mais de 5 anos dende a súa creación a Escola Municipal de Música do Concello de Lugo conta cunha presenza e nome na cidade que non fai mais ca reflectir o bo e entregado traballo do seu profesorado e do involucrado e numeroso alumnado, mais de 700 alumnos e alumnas.

A nosa escola de música créase coa finalidade de formar aficionados/as e tamén orientar en materias que outros centros da cidade non imparten. Posibilita unha organización flexible e adáptase as condicións e necesidades da cidade de Lugo. Permite o acceso a música as persoas de todas as idades con independencia da súa formación e ten un cáracter eminentemente práctico dende pronta idade. As clases están pensadas tanto para nenos e nenas que se inician na música como para persoas adultas que queren aprender a tocar algún instrumento. Poderás escoller entre un amplo abano que vai dende os instrumentos de vento á percusión e complementar a túa formación con clases de apoio. A nosa escola oferta un horario flexible e unha ensinanza integradora que fan posible que todo o mundo atope o seu oco.

A Escola Municipal de Música de Lugo tamén ofrece a experiencia do seu profesorado á cidadanía, profesorado que forma parte dunha agrupación profesional como é a Banda Municipal de Música de Lugo, formación xa histórica na nosa cidade, un conxunto con preto de 150 anos de vida dende o ano 1869 e municipalizada por Xan Montes en 1876. Queremos aproveitar todo ese potencial e esa bagaxe na escola de música, por iso tamén está situada no Centro Social Uxío Novoneyra, onde xa ten o seu local de ensaio a Banda Municipal de Música.

Con todo, a nosa escola é un centro formativo, regulado polas administracións que teñen competencia educativa, de ensinanzas non conducentes a titulación e de difusión cultural de calado na vida da cidade que debe estar en pleno contacto coa actividade da Banda Municipal de Música. Os músicos/as da propia Banda de Música lideraran os grupos e a docencia da Escola polo seu coñecemento de repertorio, traballos, experiencia, diversidade de estilos musicais e capacidade de motivación e de xestión de grupos. As actividades da Escola tamén teñen en conta e colaboraran na medida do posible con institucións públicas ou privadas relacionadas coa cultura e a educación, como é o caso dos seus “Concertos Didácticos” que se achegan todos os anos aos centros educativos da cidade e da provincia de Lugo dende a creación da nosa Escola Municipal de Música de Lugo.

A música e o resto das artes en xeral, contribúen ao desenvolvemento intelectual, artistico-estético e social das persoas, a música é unha fonte de acceso ao saber, estimula o descubrimento, a curiosidade tanto propia como allea, e favorece a expresión completa da personalidade. En todo este proceso involúcranse activamente; a expresión corporal psicomotriz, a percepción sensorial, a empatía, e os diversos tipos de intelixencia. Coa música, as redes interpersoais aliméntanse a través do respecto, e como consecuencia da práctica grupal, aumentan as posibilidades de expandir as redes interpersoais e polo cal de explorar os campos pretos á felicidade.

SECRETARÍA

  • Curso 2018-2019

PLAN DE ESTUDOS

PERSOAL E PROFESORADO

  • Faga clic aquí para ver o persoal e profesorado.

ACTUALIDADE

CONTACTO

MULTIMEDIA

  • Disco da escola
    • Faga clic aquí para ver o 1º disco da escola.
  • Vídeos de Youtube

Directorio