Tres escritoras gañan o XIV Certame de Narración Curta Ánxel Fole

Lunes, 20 de febrero de 2012
Fuente: 
Gabinete de Prensa

O xurado, integrado polos escritores Marica Campo, Antonio Reigosa e Xoán R. Cuba, destacaron a gran calidade dos 59 traballos presentados

A décimocuarta edición do certame de Narración Curta Ánxel Fole que organiza a Concellería de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua xa ten gañadores e segundo o ditame do xurado as premiadas son tres escritoras:

1º Premio: Luz Darriba Magadán polo relato “Monstros”
2º Premio: Mercedes Leobalde García pola obra “Fáltasme”
3º Premio: Ana María Galego Gen “Neiges d’antan”

O xurado estivo integrado polos escritores lucenses Marica Campo, Antonio Reigosa e Xoán R. Cuba que se reuniron ás 17:00 horas na Casa do Concello para deliberar. Os membros do xurado destacaron a gran calidade dos relatos e o notable éxito de participación, pois concurriron un total de 59 traballos. Esta edición cobra un matiz internacional, pois o primeiro premio marcha para Bruxelas, cidade onde está domiciliada a artista Luz Darriba. Respecto aos outros premios, Leobalde provén de Carral (A Coruña) e Galego de Ferrol. Tamén chegaron relatos doutros puntos de Galicia, así como de Madrid e Cataluña.

Os premios establecidos suman un total de 3.000 euros dos cales 1.500 € son para o primeiro, 1.000 € para o segundo, e 500 € para o terceiro.

Membros do xurado

Marica Campo é diplomada en Maxisterio e exerce de profesora de galego no Instituto de Ensino Secundario de Guitiriz. Publica relatos e poemas soltos en diversas revistas e colabora en múltiples iniciativas docentes e socioculturais dirixidas á dignificación da literatura e a lingua do país. Ademais, é autora de letras para grupos musicais galegos desde o inicio da Nova Música Galega, do libreto do musical operístico 'A Casa' e autora teatral. Foi pregonera en diversos eventos culturais e festivos e prologuista de varios libros.

No conxunto da súa obra hai que destacar: ‘Ou premexentes non pode cos paxaros rebezos’ (teatro), Cadernos da Escola Dramática Galega; ‘Confusión de María Balteira’ (teatro), representada polo grupo Achádego; ‘Tralas portas do rostro’ (poesía), Baía Edicións, A Coruña (1992); ‘Confusión e morte de María Balteira’ (narrativa), Baía Edicións, A Coruña, 1996 (finalista no Premio da Crítica); ‘Pedinche luz prestada’, (I Premio de Poesía ‘Fiz Vergara Vilariño’, 2000), editado por Espiral Maior, A Coruña, 2001; ‘Memoria para Xoana’ (Premio de Narrativa do Concello de Vilalba no ano 2001), editado por Espiral Maior no ano 2002 e Premio da Asociación de Escritores en Lingua Galega (2002), ‘Crispín do Mao, Crispín do mar’ no volume ‘Contos’, publicado pola Dirección Xeral de Política Lingüística (2004), ‘A voda’ en ‘Narradoras’ de Xerais,Vigo (2000) e ‘Poemas e contos da muralla’, varios autores, edición do Concello de Lugo. Ademais, participou con poemas e contos en libros de lectura da Editorial Santillana e letras de cancións para Fuxan vos Ventos e A Quenlla entre outros.

Xoán Ramiro Cuba Rodríguez, nacido en Lugo en 1958, traballa no Museo Provincial de Lugo. En 1992 creou con Ofelia Carnero, Mercedes Salvador e Antonio Reigosa o Equipo de Investigación Etnográfica Chaira. Como integrante deste equipo participou en todos os proxectos, traballos de campo , arquivo e publicacións do mesmo e é coautor dos libros Pola vila na Pontenova (1998) e Da fala dos brañegos. Literatura oral do concello de Abadín (2004). Ten publicado tamén, individualmente e en colaboración, ducias de traballos en prensa e revistas especializadas. Por dous traballos de investigación relacionados coa Terra Chá foi distinguido co Premio “Manuel Mato Vizoso” en 1987 e 1989. Con Antonio Reigosa e Xosé Miranda escribiu trece libros publicados por Edicións Xerais de Galicia: Diccionario dos seres míticos galegos (1998), Pequena mitoloxía de Galicia (2001), Contos colorados. Narracións eróticas da tradición oral galega (2001) e os dez primeiros volumes da colección Cabalo Buligán (1998-2000). É responsable tamén, con estes mesmos autores, da Antoloxía do conto galego de tradición oral (2001) e con Fernando Arribas e Antonio Reigosa da Guía do Museo Provincial de Lugo (2003). A súa obra para primeiros lectores O caracol Remoldiño (Xerais, 2003) obtivo o Premio Lecturas da Asociación Gálix en 2005.

Antonio Reigosa traballa no Departamento de Didáctica do Museo Provincial de Lugo dende 1982. É escritor, conferenciante, investigador da mitoloxía e da literatura oral galega, colabora con traballos de divulgación relacionados coa historia, a arte, a etnografía, a mitoloxía popular e a literatura oral en diversos medios de comunicación e revistas especializadas.

Cofundador de "Chaira", Grupo de Investigación Etnográfica (Lugo 1992), do que tamén forman parte Ofelia Carnero, Mercedes Salvador e Xoán R. Cuba, con campañas de recollida de literatura oral en distintos concellos da provincia de Lugo. Conferenciante en numerosas xornadas e congresos. Participa en campañas de promoción da lectura nos centros de ensino, bibliotecas e asociacións culturais. Creador e coordinador de contidos da Enciclopedia Virtual da Fantasía popular de Galicia denominada Galicia Encantada (www.galiciaencantada.com). Coordinador da revista oral de periodicidade trimestral O pazo das musas, editada polo Museo Provincial de Lugo desde 2004.

Recibiu, entre outros, os seguintes premios: Certame Nacional de Artes e Tradicións populares do Ministerio de Cultura (1987), o Facho (1989), o Premio Merlín (1998), Premio Supernova (1999), Premio Raíña Lupa (2000), Lucense do Ano (2002), Premio Frei Martín Sarmiento (2005); e foi finalista do Premio Nacional de Literatura Infantil o ano 1999 con Memorias dun raposo, e do Premio Pura e Dora Vázquez de Creación Literaria o ano 2004 con Pesadelos.

Para máis información: http://antonioreigosa.blogspot.com/

Multimedia